O DEPORTIVO FEMININO EMPATA EN ZARAGOZA, (2-2) UN ENCONTRO NO QUE MERECEU GAÑAR.

 

Zaragoza CFF 2-2 Deportivo Feminino

O Deportivo ABANCA perdeu a posibilidade de recuperar o liderado do grupo Norte de Reto Iberdrola, ao empatar en campo do Zaragoza CFF un partido que inexplicablemente se lle puxo moi costa arriba na primeira metade e no que polo menos acabou conseguindo rescatar un punto.

O partido comezou cun gol anulado a Eva Dios cando non se cumpriran nin 20 segundos de xogo. A colexiada invalidou a acción por fóra de xogo previo de Ainhoa Marín, asistente da hoxe dianteira centro branquiazul. O Zaragoza CFF respondeu rápido, pois no minuto 3 Sampalo tivo que realizar unha gran intervención para desvíar a saque de esquina un remate de socato da bielorrusa Anastasiya Shlapakova.

Durante un longo treito, o dominio foi alterno, ata que o Dépor ABANCA fíxose co mando do encontro. Este control deu como resultado dúas clarísimas oportunidades. No minuto 20, Ainhoa Marín quedou man a man coa venezolana Lisbeth Castro, que co seu pé esquerdo desviou o xusto a pelota para que se fose a saque de esquina. No minuto 22, Eva Dios tamén quedou cara a cara, aínda que escorada á dereita, coa gardameta local após un balón longo de Inés Altamira. Lisbeth Castro tamén desviou o balón a córner, esta vez coas súas mans.

O rexeite dese saque de esquina converteuse nunha contra letal, pois a zambiana Racheal Nachula arrancou soa de campo propio e superou a Sampalo poñendo a pelota pegada á cepa do pau esquerdo do marco herculino.

O gol maño acrecentou, máis se cabe, o dominio coruñés. Superada a media hora, as branquiazuis crearon tres claras opcións de gol. No minuto 32, Carlota rematou moi preto do pau dereito da portería local un servizo de Ainhoa Marín á media lúa após desfacerse da súa par cun autopase. Segundos despois, Eva Dios viu como lle anulaban un gol por segunda vez, nesta oportunidade por fóra de xogo seu após un novo balón longo de Inés Altamira. A propia central, no minuto 37, rematou á media volta moi por riba do traveseiro cando se atopaba soa na segunda xogada dun córner.

Non acertou o Dépor ABANCA e si o fixo o Zaragoza CFF para abrir brecha co seu segundo gol en tres disparos. Unha rápida acción de ataque pola esquerda do conxunto aragonés acabou cun centro da austriaca Annelie Leitner ao segundo pau onde chegou Naima García para bater ao fondo das mallas. Corría o minuto 43.

Miguel Llorente, técnico deportivista, deu entrada a Aroa Guerra por Eva Dios no descanso. O volume de chegadas á área diminuíu notablemente na segunda metade. Jone Ibáñez tentou sorprender á porteira local cun dereitazo desde fóra da área que se perdeu preto do pau dereito no minuto 48. No 50, Naima García tivo nos seus pés a máis que probable sentenza. Soa no punto de penalti após un desborde e pase de Nachula, enviou o seu zurdazo por riba do traveseiro.

Despois duns minutos sen achegamentos a unha e outra portería, no minuto 63 chegou o tanto que daba esperanzas ao conxunto branquiazul. Cris punteou unha pelota a Annelie Leitner xunto á liña de banda. O coiro caeu a pés de Ainhoa Marín, que viu rapidamente o desmarque cara ao centro da área de María Ruiz, á que puxo o balón cruzado e botando ante Lisbeth Castro, á que bateu no man a man.

Lonxe de dominar abrumadoramente como na primeira metade, o Deportivo ABANCA tentouno desde a distancia. Como por medio de Aroa Guerra, que no minuto 66 disparou a botepronto desde 25 metros, aínda que a porteira local detivo o esférico en dous tempos.

No minuto 78, o preparador branquiazul deu entrada a Laura Fernández por Carlota, para xogar con dúas dianteiras. A substitución deu resultado, porque no minuto 87, Cris gañou un balón dividido en tres cuartos de cancha, meteu en profundidade á área para o desmarque de Laura Fernández e a valisoletana, a pesar de que Lisbeth chegou a tocar a pelota no seu remate, levou o balón ao fondo das mallas.

Non era suficiente co empate, posto que de inmediato Miguel Llorente deu entrada a Adule por Jone Ibáñez para ir a polos tres puntos. Os espazos deixados atrás estiveron a piques de custar un desgusto, posto que Naima García dispuxo dunha clara ocasión para o 3-2, xusto antes de cumplirse o minuto 90, pero o seu tiro foise excesivamente cruzado. Con todo, nos cinco minutos de tempo engadido ningún dos dous equipos foi capaz de achegarse ao gol da vitoria e o partido concluíu coa igualada a dous tantos.

Con este empate, o Dépor ABANCA sitúase con 38 puntos, un menos que o líder, o FC Levante Las Planas, e un máis que o DUX Logroño, terceiro clasificado.

Zaragoza CFF: Lisbeth Castro, Lucía Fortes, Soro, Sara Balma, Annelie Leitner, Marta (Ketiš, min. 67), Naima García, Berg, Elena Valej (Lauren Curtin, min. 67), Shlapakova (Cara Curtin, min. 67) e Nachula (Irene Rodríguez, min. 86).

Deportivo ABANCA: Sampalo, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Andrea Sierra (Goretti, min. 53), Paula Gutiérrez, Jone Ibáñez (Adule, min. 88), Ainhoa Marín, Carlota (Laura Fernández, min. 78), María Ruiz e Eva Dios (Aroa Guerra, min. 46).

Goles: 1-0 Nachula (min. 22); 2-0 Naima García (min. 43); 2-1 María Ruiz (min. 63); 2-2 Laura Fernández (min. 87).

Árbitra: Andrea Fernández Fírvida (c. aragonés). Cartón amarelo a Marta (min. 64), Annelie Leitner (min. 71), ao adestrador local Samuel Luna (min. 73), Sara Balma (min. 80) e Aroa Guerra (min. 84).

Incidencias: partido aprazado correspondente á 16ª xornada do grupo Norte de Reto Iberdrola disputado no Estadio Enrique Porta, en Villanueva de Gállego (Zaragoza).

-Foto e Texto : rcdeportivo.es

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies