Gonzalo López Abente , o “Cantor da Terra de Nemancos”.
A pasada semana falábamos un pouco da vida de película de Victorino Abente y Lago, un dos grandes muxiáns, que non só foi membro a Real Academia Galega, senón que en Paraguai está considerado como o “Poeta da resurrección nacional”. Hoxe neste Día das Letras Galegas non podía faltar nos nosos artigos culturais, Gonzalo Francisco López Abente, nado en Muxía un 24 de Marzal do 1878, e falecido tamén na Vila da Barca un 23 de Xullo de 1963, e ao que se lle adicou o Día das Letras Galegas, tal día coma hoxe do 1971.
Don Gonzalo, (como era coñecido en Muxía), foi un escritor que cultivou o xornalismo, a narrativa, o teatro e a poesía, tendpo sempre presente Muxía e a sua contorna, o que deu en que fose chamado “O cantor da Terra de Nemancos”, polo nome que tiña a bisbarra muxiana que tiña e ten 14 das 16 parroquias que a formaban. As restructuracións políticas acurtaron varias bisbarras e a Terra de Nemancos pasou a integrarse na Bisbarra de Fisterra.
López Abente sacou a carreira de Dereito en Compostela, e viaxou por Francia, Bélxica e Holanda, para voltar definitivamente a sua vila natal, onde traballou no Banco Pastor, que era o único banco en toda a zona e que recibía as xentes dos concellos limítrofes, incluso chegaban dende Camariñas por mar a facer depósitos.
O escritor muxián con inquietudes nacionalistas, relacionouse con políticos e escritores da sua época e foi o director da Irmandade de Amigos da Fala, de Muxía. Colaborou en numerosas revistas e xornais coma : Ronsel, Nós, Rexurdimento, El Noroeste, A Nosa Terra, e participou en empresas culturais como a Colección Lar ou o Seminario de Estudos Galegos. Foi membro da Real Academia Galega e participou na recepción de Castelo a mesma, no 1934.
Foi responsable do urbanismo de Muxía, o primeiro de toda a Costa da Morte, e presumían daquela que eran o único pobo polo que se podía ir a calquer casa en coche, por contra ao estereotipo dos pobos con rúas moi estreitas, carreixos, escalinatas para superar costas, etc. Hoxe en días esas rúas daquel deseño fanse estreitas para o tipo de coches comparados cos de finais do século XIX, principios do XX, pero sigue sendo un pobo no que se pode circular en vehículo nun tanto por cento moi elevado.
Casou ca sua prima Balbina, 6 anos menor ca él, e que era filla do seu tío, Víctorino Abente y Lago, pero un día da Romaría da Barca do 1910 en pleno parto moría a sua muller, e o fillo que esperaba. Un episodio da sua vida, que quedou marcado tamén na sua obra. Os veciños aquel día quixeron por respeto parar a festa ao que él respondeu que : “A Romaría da Nosa Señora ten que continuar, eu a dor xa a levo por dentro”. Ainda que nunca se volveu a casar o parecer tivo moitos anos despois un fillo e unha filla con diferentes mulleres, algo do “disque-disque”, e algo que naquela época pasaba moi acotío.
Está considerado como un dos “Poetas da raza”, xunto a Ramón Cabanillas, e tamén coma un dos “Poetas do mar”, (neste eido Vicente Risco considerouno coma o mellor), cos libros Escumas da ribeira, Alento da raza e D’Outono. Posteriormente, chegaron composicións coma : Nemancos, Centileos nas ondas ou a obra póstuma Decrúa.
Como narrador gañou en 1919 a única edición do Premio de Literatura d’A Nosa Terra coa novela O Diputado por Veiramar. Nesta obra deixou constancia das súas inquietudes sociais, como tamén o fixo noutras novelas curtas, como O escándalo e O novo xuez. Coa intención de contribuír a unha literatura popular e accesible, publicou dúas narracións sobre un trío amoroso: Buserana e Fuxidos. Fixo unha única incursión na novela longa, con Vaosilveiro; e outra no teatro: o 20 de febreiro de 1921 estreou María Rosa, correndo a representación a cargo do Cadro de Declamación das Irmandades da Fala da Coruña.
Inauguración da estatua a Don Gonzalo Lopez Abente.
Na 7ª edición do Día das Letras Galegas, un 17 de Maio de 1971, inaugurouse na entrada do pobo unha estatua dunha nai co seu fillo no regazo, que representa a nai, (Muxía) cuida do seu, (seus) fillos, e unha placa en lembranza deste ilustre muxián e galego. Cada ano o Concello de Muxía como a Fundación Gonzalo López Abente, acompañados de veciños fan unha homenaxe floral a Don Gonzalo.
Ó 29 de xaneiro de 2011, naceu en Muxía a “Fundación Gonzalo López Abente” para divulgar a súa obra. Un dos seus primeiros grandes logros foi a recuperación do seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades, que siguen facendo. No 2013 celebrou a fundación muxiana dous días de eventos no 50 aniversario do pasamento do bardo muxián.
Aquí vos deixo unha dos nosas poesías favoritas de Don Gonzalo e ca ortografía que usaba daquela :
N’O MONTE CORPIÑO
Penedos, altos penedos
do Corpiño vixiante;
sodes, com’o meu amor,
tristes, barudos e grandes.
¡Cantas veces, cantas veces
dend’o curuto en qu’estades
sufríchedes impasibres
o furor dos temporales!
Nin os ventos qu’arrincaron
dôridas queixas aos mares,
nin as duiras medoñentas
das frecuentes tempestades,
de movervos unha vez,
penedos imperturbabres,
de movervos unha vez
foron hastr’hoxe capaces;
que sodes, altos penedos
do Corpiño vixiante;
o mesmo qu’o meu amor,
tristes, barudos e grandes.
Este é un pequeno relato na memoría de Don Gonzalo do que poderíamos pasar horas e horas escribindo, polo que nos queda moito que contar.
-Foto : Google Images
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Información : Real Academia Galega e colleita propia.