ROLDA DE PRENSA DE XIMO NAVARRO : “OXALÁ PODAMOS SEGUIR A RECHA E TRAER OS 3 PUNTOS DO TAJONAR”.

 

O defensor deportivista asegura que prefire “estar nesta situación como agora, que levamos 5 vitorias seguidas, a como estabamos na primeira parte da temporada. Seguimos traballando igual que o faciamos ao principio, o que pasa que ás veces custa un pouco adaptarse. Un equipo con tanta xente nova leva o seu tempo e custáronnos algúns puntos aquí en ABANCA-RIAZOR, o non conseguir esas vitorias. Ao final aquí sabemos o que é. Todo o mundo quere estar arriba, quere subir. Non é tan fácil como parece aínda que sexas o Deportivo. Despois de haber un tramo tamén no que moitos xogadores importantes tiveron lesións dun tempo tamén trastorna un pouco o traballo do adestrador e de todo o grupo. Agora todo o mundo está ben. O 2024 está a ser moi bo e oxalá podamos seguir nesta dinámica que é para o que traballamos. Este domingo tentaremos traer os 3 puntos outra vez”, en referencia ao partido en Tajonar ante o Osasuna B do domingo 28 de febreiro ás 20:00 horas (FEF TV).

Non cre que os resultados neste 2024 débanse a unha revolución de Imanol Idiakez ou a “cousas que cambiasen drasticamente en canto é o equipo. Ao principio de liga o once era moi parecido ao destas últimas xornadas, cando xogamos por exemplo en Lugo. O que pasa que a partir de aí pasaron moitas cousas que pasan no fútbol, como son lesións importantes dalgúns xogadores que che trastornan un pouco ese plan inicial de cando ías asentando ao teu equipo. Agora o importante é que estamos todos ben. O míster nalgún partido puido cambiar un pouco a maneira de xogar, ás veces cunha saída de 3 pero logo realmente defendendo 4 que tampouco eran cambios para nós moi drásticos”.

Reitera que “o equipo está completamente san, cunha mentalidade moi boa, que os resultados tamén axudan porque no fútbol son importantes. Hai que aproveitar esta situación e o domingo a Pamplona a traer os 3 puntos”.

Precisamente do Osasuna B o futbolista branquiazul advirte que os filiais “sempre son difíciles. Tocáronnos xa uns cuantos no grupo: equipos novos, con calidade, con moito ritmo. E imos a unha cidade deportiva. Eu tiven a sorte de xogar alí varias veces cando estaba no Deportivo Alavés porque faciamos moitos amigables con Osasuna. É un campo un pouco diferente, pero este equipo adáptase a todo e non queda outra que ir coa mentalidade de seguir nesta boa liña”.

A nivel persoal, está “contento de recuperarme ben e de haber ido sumando minutos, que ao final é o que queremos todos”.

Desvela que cambiou algúns hábitos como “facer un pouco máis de traballo no ximnasio sobre todo antes de saír a adestrar, ao acabar o adestramento tamén. Moito traballo cos fisios, algunha tarde tamén durante a semana facemos un traballo específico con Alex Canosa e agora con Nando Rodríguez… Tampouco foron uns cambios moi drásticos pero si ir facendo pequenas cousas antes do adestro e ao acabar. Non quere dicir que non che vaias a lesionar porque iso é imposible, pero si que o risco de lesión sexa o mínimo”.

En canto á súa adaptación á cidade, Ximo Navarro apunta que “por sorte nunca tiven problemas para adaptarme nas cidades nas que estiven, mesmo cando me fun fóra. Si é certo que cando vés a unha cidade onde coñeces xente e tes relación sempre é máis fácil sobre todo esas primeiras semanas nun equipo. Estou moi contento. Sabía que o Dépor é un club moi grande, toda a afección que ten detrás. Encantado a pesar de estar nesta categoría do que podo vivir cada fin de semana tanto en ABANCA-RIAZOR como cando imos fóra”.

Finalmente, preguntado por Lucas, co que garda unha estreita amizade, afirma que “está moi ben. A primeira parte quizá non entraron eses goles aos xogadores de arriba, pero sabiamos do potencial que temos tanto de Lucas como do resto de atacantes. É un xogador diferencial. Por sorte está connosco o mellor xogador da categoría. Moitas veces quizá non metía goles, pero daba asistencias que eran goles para outros compañeiros. Quizais non chamaba tanto a atención como cando consegues facer gol. Está nunha xeira moi boa tanto de asistencias como de goles neste 2024 e oxalá que siga así, que é moi bo para o equipo. Non só el, senón o resto de compañeiros de arriba”.

-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo