ROLDA DE PRENSA DE LUCAS PÉREZ : “A CLAVE DO DEPOR ESTÁ EN HABER RECUPERADO OS XOGADORES”.

 

Lucas Pérez manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que “todo o que sexa que #ANOSAFORZA, o club, o equipo véxase nesa atmosfera sempre é positivo. O que hai que facer agora mesmo é seguir cara adiante, chámese efecto piña ou como o queiramos chamar. A min paréceme incrible ver á xente involucrada, ilusionada como o estamos nós. A nós na primeira volta afectábanos moito porque sabiamos o potencial que tiñamos e que as cousas non nos saían. As cousas non sempre saen cando un quere. Agora están a saír, pois o que temos que facer é aproveitalas, seguir todos na mesma liña. Oxalá podamos traer a sexta vitoria. E canto antes eu quérome ver no posto número un. Vai depender só de nós. Temos outros rivais que tamén están a facer unha gran temporada”.

Apunta que na primeira volta “sabiamos o potencial que tiñamos, o nivel do cadro, dos xogadores. O único que pasa é que a xeira era mala. O que debemos de facer agora é seguir na mesma liña que estamos, que é moi positiva e conseguir as maiores vitorias e os máximos puntos para poder pelexar polo primeiro posto. O que fixemos foi recortar camiño e estar agora mesmo aí preto dos primeiros, que sempre estiveron toda a temporada, como o Nástic, a Ponferradina ou a Cultural. Estamos todos moi pegados e o que hai que facer agora é seguir nesta dinámica, esta mentalidade positiva, gañadora que temos”.

Asegura que “imos a Pamplona (ante o Osasuna B este domingo 25 ás 20:00 horas en Tajonar, FEF TV) con esa mesma idea pero que sempre a tivemos, o que pasa que ás veces no fútbol por cousas que se cadra non comprendes por moito que tentas, por moito que pelexas non saen as cousas. E agora estamos a ter ese vento a favor”.

O dianteiro deportivista advirte que “as vitorias reforzan aos equipos e máis cando nós viñamos de facer unha primeira volta que non foi nada boa. E agora sacando os resultados, tendo 5 vitorias seguidas e facendo 13 goles reforza moito a moral tanto dos defensas que están a facer goles, dos medios, dos dianteiros, de todo o mundo e da xente que se cadra non está a participar de inicio que tamén ten ganas de participar. E iso demóstrase no día a día tamén”.

Cre que a clave do Dépor está en “recuperar a todos os xogadores, o volver ter a Yeremay, a Barbero, o volver recuperar a Mella. Esas baixas queiras ou non nos equipos afecta cando son xogadores tan importantes, que deron rendemento sempre. Cando son baixas tan longas como a de Barbero, como a de Yeremay mínguanche. E máis cando hai 13, 14 xogadores novos e a pretemporada fixémola os mesmos porque moitos chegaron a final de pretemporada. Iso mingua a formulación que tiña o míster a principio de temporada e despois tívose que ir recompondo. Fomos pasando xornadas e as xeiras aos equipos adóitalles chegar nalgún momento da temporada. A nós chegounos ao principio, onde non tiñamos ese xogo que nós queriamos ou ese potencial que cremos que temos. E agora si que se nos está dando tanto a nivel de vitorias como a nivel de xogo e tamén ao ver a portería rival”.

Sente “moi orgulloso” de marcar o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR o seu gol 50 coa camiseta do Dépor, tal e como el mesmo sobre o céspede festexou nunha “celebración que me saíu así espontaneamente e quédoma para o recordo. A foto que me fixeron quédame para a miña casa e aí gardareina para cando algún día se apaguen os focos e diga ‘algún tempo atrás fixen cousas algo boas’. É moi bonito, estou moi orgulloso”.

Dese medio centenar, confesa que “o máis importante da miña carreira é o do día do Camp Nou, o que nos salvamos”.

A nivel persoal, insiste en que segue sendo “o mesmo que en setembro non metía, en outubro tampouco, en novembro tampouco, en decembro tampouco. Sigo sendo o mesmo. Adestro e prepárome igual que sempre o fixen, tanto en Primera División como en Primera Federación. Sígoo facendo coas mesmas ganas e a mesma ilusión, o que pasa que agora o balón dá no pau e entra, e na primeira volta daba no pau e íase fóra. Esas cousas que pasan no mundo do fútbol, o único que tes que facer é estar preparado para cando tes a oportunidade e é así o que fixen durante toda a miña carreira”.

É máis, lembra que tivo “xeiras moi boas e menos boas. Eu nunca o entendo como fracaso nin nada. No mundo do deporte hai que convivir cando as cousas che saen ben, cando sáenche mal. Son “gajes” do oficio. Sempre estiven tranquilo. O único que quixen é axudar ao equipo. Na primeira volta tocaba aproveitarnos do balón parado, de xogadas onde podías dar o último pase, pases máis definitivos e agora os pases como os goles están a entrar. O único que quero é que siga así a cousa e que en xuño podamos celebralo. O importante é que o Deportivo se vexa beneficiado de todo isto”.

-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo