ROLDA DE PRENSA DE IDIAKEZ PREVIA O DEPOR-LUGO : “A ILUSIÓN DA AFECCION É A NOSA”.

 

Imanol Idiakez asegurou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que, coa SD Ponferradina (actual líder a 1 punto do Dépor) mañá sábado en Fuenlabrada, “non nos interesa o que fagan os demais. Non nos importa. Impórtanos o Deportivo o domingo, derbi, campo cheo, #ANOSAFORZA ilusionada, nós con máis ilusión aínda para seguir ilusionando a #ANOSAFORZA”.

O técnico deportivista sostén que a gran entrada que presentará ABANCA-RIAZOR este domingo 3 de marzo ás 19:00 horas (TVG-2 e FEF TV) ante o CD Lugo é “outro novo empuxón aí dentro (sinalando ao vestiario). Comentámolo cos futbolistas, a súa ilusión é a nosa. Desde logo que o domingo é outro motivo máis que temos para dalo todo, para saír desde o primeiro minuto a por o partido, para deixarnos a alma no campo e para que #ANOSAFORZA senta orgullosa do que facemos”.

Do CD Lugo advirte que “está nunha boa dinámica. É verdade que cambiaron de adestrador, pero cambiárono despois de gañar en Teruel. Levan uns cuantos partidos con resultados positivos, fixeron un bo partido a semana pasada. Analizamos sempre os rivais para preparar os partidos, sabemos a idea que ten o novo adestrador ou o que cremos que van tentar; e a partir de aí imos preparar o partido como sempre, tentando centrarnos principalmente en nós, pero daquela facendo os axustes necesarios en función do que podemos prever que pode facer o rival”.

Subliña que o cadro lucense “é un equipo que aínda ten opcións, co mesmo obxectivo que nós, de volver a Segunda División, porque non podemos esquecer que é un equipo recentemente descendido, cun cadro confeccionado para iso, que lle custou e está a tentar engancharse. Non teño ningunha dúbida que vai ser un partido de dificultade”.

De feito, lembra que “fichou, sen ir máis lonxe, no mercado de inverno a Fran Mérida, un futbolista cun pasado a nivel internacional de Primera División. É un rival de máximo nivel. Vai ser un partido de moitísima dificultade. Necesitamos a nosa mellor versión para sacalo adiante”, conclúe.

Nesta liña, e con 17 goles a favor nos últimos 4 partidos, Imanol recalca que “nos preparamos para calquera contexto. Evidentemente preparámonos para un partido igualado, que entendemos que é o que vai pasar o domingo porque a lóxica di que non é normal gañar os partidos por 3 ou por 4 goles, que iso pasa ás veces. É verdade que agora está a pasar de maneira continuada, pero o lóxico é que os partidos, e máis un partido como o do domingo contra un rival que é do teu mesmo nivel, co mesmo obxectivo que o teu, que cambiou de adestrador, que vén con ese tipo de xogadores dese nivel, o lóxico é que o partido do domingo resólvase por pouco. Nós estamos preparados para iso porque aí dentro son conscientes de que todos os días non imos gañar por 4, oxalá, pero será difícil”.

-Vídeo, texto e oto : RC Deportivo