ROLDA DE PRENSA DE GERMÁN PARREÑO “XOGADOR ESTRELLA DO MES DE MARZAL” E OUTRAS BREVES DO RC DEPORTIVO.

 

Germán Parreño Boix (16 de febreiro de 1993, Elxe) recolleu esta mañá na sala de prensa de Abegondo o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do pasado mes de marzo polas súas actuacións nos partidos de liga ante CD Lugo, Nástic, CE Sabadell FC, CF Rayo Majadahonda e UE Cornellà. A terna de finalistas elixidos polos medios de comunicación que cobren a diario a información do equipo branquiazul foi a formada por Germán Parreño, Yeremay e Hugo Rama.

Na votación final, Germán foi o elixido co 51% dos votos dos afeccionados, por 40% de Yeremay e 9% de Hugo Rama.  O meta deportivista resalta que “é un premio ao traballo defensivo. Máis que para min é para o equipo, para o traballo que está a facer e que se vexa reflectido en premios, pero sobre todo en resultados”.

Con 3 partidos consecutivos sen encaixar, afirma que as súas sensacións son “boas. Estamos contentos polos resultados e con ganas de seguir”. Asegura que Os Nosos xa na primeira volta “confiabamos porque o traballo era bo, o que pasa que os resultados non estaban a saír nese momento. Grazas a confiar e seguir traballando van saíndo os resultados”.

Insiste en centrarse en “nós. Hai equipos que o están facendo igual ou máis ou menos como nós. Ao final é centrarnos en nós. Sabiamos que os equipos traballan, hai bos xogadores, bos equipos, ben traballados e iso tennos que motivar para centrarnos máis se cabe no noso traballo”. Vaticina este sábado ás 20:00 horas, (19:00 GMT), (FEF TV) no campo Pinilla ante o CD Teruel, 4º equipo nunha clasificación na que contasen unicamente os partidos da segunda volta, “un partido difícil, no que temos que estar moi metidos e dar o cento por cento”.

Lucas e Mella co grupo

Na mañán de hoxe tódalas miradas estaban postas na evolución de Lucas Pérez e David Mella tralas suas molestias. O de Monelos leva camiño das 3 semanas no dique seco e o de Teo saía o pasado Domingo cun golpe no nocello. As novas son boas e ambos xogadores estiveron co grupo, que arrincou na sala de vídeo e seguiu no campo 2 cunha activación e uns rondos. Non obstante o atacante xuvenil, informa o clube que tal e como estaba pactado cos Servizos Médicos, retirouse ao vestiario antes que os seus compañeiros.

Entradas para os dous encontros seguidos en Riazor a venta

Xa están á venda as entradas para os dous próximos encontros consecutivos en ABANCA-RIAZOR. O RC Deportivo recibirá o sábado 20 de abril ás 19:00h. á Cultural y Deportiva Leonesa e o domingo 28 de abril, tamén ás 19:00h., ao CD Arenteiro, en partidos correspondentes á 33ª e 34ª xornada do grupo 1 de Primera Federación. As socias e os socios do RC Deportivo poden acceder directamente co seu carné en formato físico ou dixital, este último a través da APP RC Deportivo: https://rcdeportivo.es/gl/app.

Os prezos para o público oscilan entre os 100 euros da nova Tribuna Inferior VIP (con acceso a catering) e os 20 dos fondos. Tamén se pode consultar a posibilidade de alugar un Palco VIP a través de areasvip@rcdeportivo.es.

As entradas poden adquirirse en calquera momento a través da páxina bancada.rcdeportivo.es, na Oficina de Atención ao Deportivismo (OAD) no seu horario habitual, de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00, ou o mesmo día de ambos a partidos a partir das 16:00h. e até o descanso dos mesmos nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes.

Ademais, xa está operativa tamén a posibilidade de que as socias e os socios liberen os seus asentos en caso de non poder acudir a ABANCA-RIAZOR nesta ligazón.

 

-Foto e Vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”/RC Deportivo