ROLDA DE PRENSA DE DAVID MELLA : “O traballo que facemos é espectacular. Para min adestramos todos ben, todos os días”.

 

O canteirán David Mella pasouse esta mañá pola sala de prensa da Cidade Deportiva.

Subliñou ante os medios de comunicación que “aquí en Abegondo o traballo que facemos é espectacular. Para min adestramos todos ben, todos os días. Os resultados non nos están acompañando, sexa polo fútbol ou polo que sexa, pero polo traballo deberiamos estar arriba do todo”.

O atacante deportivista lembra que “son un xogador do club, teño ficha Fabril e teño que facer o que me manden. Empezo ao principio (da pretemporada) co primeiro equipo, baixo unha semana co Fabril, pero é o que me tocaba. Acabo facendo todo co primeiro equipo e teño que seguir adestrando e traballando todos os días para seguir aquí arriba”.

Vese “ben” como revulsivo porque “hai que asumir o que me pidan. Eu de revulsivo estou ben, estou no primeiro equipo con 18 anos, non podo pedir moito. Pero, a quen non lle gustaría ser titular?”, pregúntase.

Confesa que as lesións as leva “mal por recordos de anteriores lesións, pero traballo duro para volver o mellor posible”.

Así mesmo, xogar en ABANCA-RIAZOR provoca “no meu caso nervios de ter que xogar ben. Non é culpa de #ANOSAFORZA, non é culpa do estadio. Somos nós que en cada momento temos unhas sensacións e sáennos diferentes cousas. Temos que saber xestionalas para poder dar o noso cento por cento”.

Despois do descanso do Nadal, David Mella opina que este dez días “sempre veñen ben para todo futbolista”. De feito, asegura que regresou á Cidade Deportiva “con máis ganas que nunca”.

Explica que Imanol Idiakez pídelle cada vez que salta ao campo que “lle de velocidade ao xogo, que me desmarque, que vaia cara adiante e sobre todo axudar ao equipo. Saio os últimos 25, o outro equipo está canso, e pídeme velocidade, descaro”.

Habitual na banda dereita cando xoga, admite que “teño que coller confianza. Nótome raro, pero traballando e collendo sensacións boas acabarei pillando o sitio ben”.

Despois de compartir con Yeremay moitas vivencias como o recente campionato de España xuvenil ou a histórica participación do Xuvenil A na UEFA Youth League, afirma que leva “moi ben” co canario e sostén que ambos os canteiráns, desexados por #ANOSAFORZA, “encaramos todo coa mellor cara posible. Queremos xogar claramente pero o que necesite o míster e o equipo en cada momento”.

De feito, apunta que tanto no Fabril como no Xuvenil A “acabamos xogando os dous, un en cada banda. Aínda que eu prefira na esquerda non pasa nada, vémonos ben os dous”.

-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo