ROLDA DE PRENSA DE BARBERO : “Na gran maioría partidos competimos e sacamos resultados positivos. Non ten por que agora pasarnos todo o contrario”.

 

Iván Barbero manifestou na sala de prensa de Abegondo que nesta recta final “temos que ter máis que nunca a cabeza fría; esa ilusión pero ter a cabeza fría de que aínda quedan catro xornadas, non dúas. Queda moito por diante, van pasar moitas cousas e nós temos que estar preparados para o que ocorra”.

Opina que a traxectoria do FC Barcelona Atlètic, perseguidor do Dépor, “faiche que queiras esixirche máis aínda se cabe e mellorar. Estamos nesa liña de querer seguir sumando de 3 e temos a oportunidade moi bonita esta fin de semana para seguir”.

Precisamente co filial azulgrana de visita a ABANCA-RIAZOR a próxima semana, subliña o futbolista andaluz que “o noso pensamento, o único que hai é o Sestao; e logo virá Barça, e logo Real sociedade B… Queremos gañar todos os partidos de aquí a final de temporada e deixar boas sensacións como che dixen. E a por todas”.

Confirmados polo menos 800 deportivistas nas bancadas de Las Llanas este sábado 4 de abril ás 18:00 no choque ante o Sestao River (FEF TV) lembra que “#ANOSAFORZA sempre está connosco e apóianos en cada momento. O que temos que facer é dar o máximo e así conseguiremos todos os resultados que queremos”.

A xeira dos vascos, que levan sen perder no seu campo desde decembro, provoca segundo o dianteiro branquiazul, “máis motivación aínda se cabe. Temos esa ambición de querer gañar todos os partidos de aquí a final de temporada. Imos ir a dalo todo alí e a levarnos os 3 puntos”.

Barbero apunta que o vestiario é consciente que o sábado “vai ser un partido de moito xogo directo. Traballamos como podemos utilizar iso cos xogadores que temos e traballámolo ben esta semana. Estamos con moitas ganas de que chegue o día do partido e pelexalo até o final”.

Advirte que fóra de ABANCA-RIAZOR “na gran maioría partidos competimos e sacamos resultados positivos. Non ten por que agora pasarnos todo o contrario. Houbo partidos nos que o equipo estivo ben, como o día de Teruel que mesmo empezamos perdendo e soubemos seguir competindo, reaccionamos ben e remontamos o partido. Non sabemos que é o que pode pasar porque o fútbol é moi incerto. Pero o que si estamos seguros é de que o equipo vai dar a cara, vai competir e imos tentar sacar os 3 puntos”.

A nivel persoal, sente “moi cómodo no terreo de xogo, facendo o traballo que sei facer. Estou rodeado dun grupo de xogadores con moito talento e un dianteiro ao estar rodeado dese tipo de futbolistas ten máis ocasións. Teño esa confianza que me transmiten o míster e os compañeiros para seguir nesta liña. Se veñen máis goles mellor pero o importante é que o equipo gañe e deixar boas sensacións”.

Finalmente afronta este mes de maio “con naturalidade. Quedan poucas xornadas, este mes é decisivo; pero tampouco é o fin do mundo, ao final é fútbol”.

-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo/rcdeportivo.es