Procedente dun club de canteira como o Athletic Club, Mikel Balenziaga subliñou esta mañá en rolda de prensa que “para calquera equipo é importantísimo ter unha boa canteira, unha canteira formada. Aquí estase vendo que hai moito potencial, moitos xogadores con talento, con moitas ganas de chegar ao primeiro equipo. Hai que destacar que estamos nun sitio moi peculiar nese aspecto, con ese sentimento de pertenza que para min é vital para o tema da canteira. E estase vendo. A xente que sobe desde abaixo, como todos os rapaces que temos agora mesmo en cadro, cada oportunidade que se lle está dando están a aproveitala ao máximo, están a sumar moitísimo e están a ser moi importantes para o equipo”.
Despois dos seus primeiros meses en ABANCA-RIAZOR, confesou que “antes de vir, cando non sabía exactamente como funcionaba isto, vía un equipo histórico, con grandísimas expectativas. Pero unha vez vin e vin como funciona, a verdade é que me parece máis do que pensaba. Hai unha afección espectacular, toda a cidade e toda a provincia está envorcada co equipo, que moitas veces é o difícil dun equipo, ter esa masa que apoie ao equipo nas boas, nas malas. Semana após semana está a verse tanto en ABANCA-RIAZOR como fóra de casa”.
O veterano defensor branquiazul ve unha liga na que “estamos metidos aí uns cuantos equipos na pelexa, nos postos de arriba. Iso fai que xornada a xornada póidanse rabuñar puntos. O importante é que nós non cedamos, que até agora así está a ser, e afrontaremos os seguintes partidos como o estamos facendo. Somos capaces de gañar en calquera enfrontamento e en calquera estadio, pero facendo as cousas ben e sabendo que non podemos baixar nin un pouquiño”.
Cre que a mellora do equipo “é froito do feito durante toda a temporada. Sempre o falamos publicamente, que o equipo estaba a traballar ben. Eu viña adestrar e vía que o equipo traballaba duro, que quería saír da situación na que estabamos, que queriamos tirar para arriba. Naquel momento non se estaba dando, agora a dinámica é totalmente diferente, o equipo colleu outra confianza, pero é grazas ao traballo que cando non estabamos tan ben e cando tocaba estar aí seguimos dando a cara, seguimos traballando. A recompensa está a chegar”.
A nivel persoal, explica que superou “unhas molestias nas lumbares, pero esta última semana han ir a mellor. Puiden xogar a fin de semana e agora atópome mellor”.
Sobre o seu competidor nese lateral zurdo, o ex fabrilista Iano Simão, Mikel Balenziaga opina que “é un xogador cun potencial tremendo, fisicamente é unha besta. Ten calidades físicas moi importantes. Vai ser un xogador que nos vai a axudar moito. Nos adestramentos é outro deses rapaces que o dá todo. Ademais esta constantemente con ganas de aprender, de escoitar. Vai ser importante. Quedo coas ganas de aprender e de achegar que ten”.
Finalmente do partido ante a SD Tarazona deste domingo 18 de febreiro ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV), subliña que “temos ganas de que chegue, de facer un bo partido, de ser nós, de dar nosa mellor versión e sobre todo de sacar os 3 puntos para seguir na pelexa de arriba”.
-Foto, vídeo e texto : RC Deportivo