NOVA VITORIA DO DEPOR NUN AMIGABLE NO QUE TIVO QUE LOITAR MÁIS CO CAMPO QUE CO ADVERSARIO.

 

Compostela 0-2 Depor

Nova vitoria no amigable de pretempada na Pobra do Caramiñal ante o Compostela, nun choque no que o peor adversario foi o mal estado do terreo de xogo do “A Alta”, que acolleu un abarrote con moita presenza de deportivistas.

O choque foi dominado en cáseque todo o tempo de xogo polos deportivistas que volveron a amosar moi boas maneiras en defensa, en especial co troco de estatura con respecto aos derradeiros anos, o que fai que os balóns colgados o área sexan cáseque sempre despexados pola zaga branquiazul.

Debutou Pablo Vázquez facendo parella co outro Pablo. Na segunda metade tamén debutou Ximo Navarro que colleu o relevo de Vázquez na zaga na segunda metade. Pasado o cuarto de hora, Mella tras xogada con Villares, puido facer o primeiro pero errou no man a man co meta santiagués.

Tres minutos despois tras unha recuperación en área propia Yeremai lanza un contragolpe por banda esquerda, galopa, ve a carreira de Lucas polo medio, centra de maneira extraordinaria por diante dos defensores, Lucas adiántase, baila o porteiro e marca, escorado, a porta baleira.

O Compostela vía como lle entraban por bandas e polo centro da zaga. Mella e Villares puideron ampliar a ventaxe pero non se movería o marcador.

Xa na segunda metade Mella tivo duas boas internadas ata a liña de fondo e o seu pase non puido ser rematado polos compañeiros. Tras unha falta o cantairán Rubén queda só ante o meta rival, pero este está atinado para evitar o gol. Mella fai unha de fútbol sala na banda do área e centra a Lucas que remata mal e saca un defensa xunta o poste.

A primeira nova do Compostela chegou tras un desaxuste defensivo e Juanpa dispara desviado preto do poste. Chegaron moitos trocos por ambas partes e o encontro descafeinouse durante varios minutos.

Tivo o Depor 5 minutos con varias ocasións e todo apuntaba a que ía chegar o segundo, e foi tras un balón a Barbero que pugna co seu par, adéntrase no área polo medio da mesma e é derrubado. Penalti e gol de Davo que lanza polo medio, alto, imposible para o meta santiagués. A partires de aí acabouse o encontro.

A destacar

Destacar a presenza de moitos canteiráns. Na banda dereita xogou Marc, tralos problemas muculares de Paris Adot. O xove xogou 80 minutos ata a entrada doutro canteira, Álvaro Santamaría. Tamén xogaron, David Mella, Brais Val, Diego Gómez, Jairo, Rubén López, e Kevin Sánchez.

Lesionado

Retu tivo que retirarse no minuto 70, cando levaba 10 minutos no terreo de xogo, o sufrir nunha xogada problemas no xeonllo esquerdo.

SD Compostela: Borja Rey (Brais, min. 63), P. Crespo (Álvaro Casas, min. 35), David Soto (Rubén, min. 63), Juanpa (Kike, min. 63), J. Domínguez (Marcelo, min. 63), Parapar (Fer Beltrán, min. 63), J. Santos (P. Caballé, min. 63), R. Mangana (Pablo Antas, min. 63), De Vicente (Xoel, min. 63), Dani Varela (Martín, min. 63) e Landeira (Hugo Matos, min. 68)

Depor: Germán, Marc (Álvaro Santamaría, min. 80), Pablo Martínez (Dani Barcia, min. 70), Pablo Vázquez (Ximo Navarro, min. 46 e Jaime, min. 80), Balenziaga (Retu, min. 60 e Víctor Narro, min. 70), Brais Val (Diego Gómez, min. 46) Villares (Jose Ángel, min. 60), Jairo (Rubén López, m. 46 e Isi Gómez, min. 80), Mella (Kevin, min. 60), Yeremay (Davo, min. 46 e Zalazar min. 80) e Lucas (Barbero, min. 70)

Árbitro: Miguel Ferrol Muñiz, do Colexio Galego. Amoestou a Brais Val do Dépor e a David Soto do Compos.

Goles: 0-1, m. 22: Lucas; 0-2, m. 79: Davo, de penalti.

Incidencias : Encontro celebrada no “A Alta” da Pobra do Caramila, que valía para celebrar o 50º aniversario do Puebla FC, e que contou con presenza de moitos deportivistas, en especial os da Peña North Arousa.

 

Próximo amigable

Ponferrada será a próxima cita de pretempada. Os Nosos visitarán á SD Ponferradina, equipo recentemente descendido de Segunda División, o martes 15 de agosto a partir das 19:00 horas no Toralín.

O partido, como o resto da pretemporada, retransmitirase en directo na canle oficial de Youtube do Club 

Será o penúltimo partido dunha pretempada que o Dépor pechará o sábado 19 de agosto ás 19:30 no campo de O Espiñedo do Carballiño ante o CD Arenteiro.

 

Xa estamos preto dos 20.000 socios

No día de onte o clube informaba de que se chegaban aos 19.831 socios renovados, e que no día de hoxe ábrese o tempo para as novas altas, que serán só de maneira presencial na OAD, (Oficina de Atención o Deportivista), 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:00 horas.

 

 

-Foto : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”