A XAPONESA, AYAKA NOGUCHI NOVA XOGADORA DO DEPORTIVO FEMININO.

 

Ayaka Noguchi (Saitama, Xapón, 25 de outubro de 1995) é a cuarta incorporación do Dépor ABANCA para a campaña 2023-24.

A centrocampista nipoa conta cunha ampla experiencia no fútbol español, no que militou durante as catro últimas temporadas. En 2019 aterrou no RCD Espanyol, a campaña seguinte fichou polo CD Pozoalbense e o último curso e medio defendeu as cores do CP Cacereño Femenino.

Co conxunto barcelonés disputou 19 encontros na máxima categoría nacional, mentres que con cordobesas e estremeñas sumou 63 partidos máis, 62 na categoría de prata e 1 en Copa da Raíña. Na súa conta anotadora figuran 6 tantos, 3 no exercicio 2020-21 e 3 no 2021-22.

FC Jumonji Ventus, INAC Kobe Leonessa (co que conquistou a Copa da Emperatriz en 2015 e 2016), AC Nagano Parceiro e Omiya Ardija Ventus (no que xogou media temporada entre a súa saída do CD Pozoalbense e a súa fichaxe polo CP Cacereño Femenino) foron os seus equipos no fútbol do seu país natal. Ayaka tamén defendeu a camiseta da selección xaponesa en categorías Sub-16, Sub-17 e Sub-23.

Ayaka súmase ao cadro deportivista 2023-24 tralas renovacións de Lucía Alba, Henar Muiña e Cris Martínez durante o curso 2022-23, as recentes ampliacións de Millene, Raquel García, Charle, Samara, Carlota Sánchez e Eva Dios, as xogadoras con contrato en vigor: Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín e Carlota Suárez, e as fichaxes de Clara Rodríguez (FC Barcelona B), Laurina (Real Betis Féminas) e Sara Debén (Fundación Albacete Femenino).

-Foto e Texto : RC Deportivo