O pasado luns voltamos a gozar dun dos nosos xogadores máis determinantes. Yeremay Hernández regresou á titularidade tras dous meses afastado por unha pubalxia e fíxoo deixando pegada: gol de penalti, asistencia e unha actuación que levantou ao público dos seus asentos. O estadio púxose en pé tanto cando se anunciou o seu nome no once inicial como no momento da súa substitución, nun recoñecemento ao talento e ao esforzo do canario.
O propio xogador amosouse satisfeito pola súa volta, aínda que tamén prudente. “Moi contento por volver xogar. Levaba unhas semanas con poucos minutos. Contento de volver ao once e de volver aportar”, sinalou, deixando claro que o seu obxectivo é seguir sumando para o equipo no tramo final da tempada. Iso si, advertiu que o seu rendemento actual aínda está condicionado pola lesión: “Vou dar o meu 100%. Agora, ese 100% non sei se é o mesmo de hai uns meses, pero pouco a pouco vou mellorando”.
A recuperación non foi doada. Yeremay describiu con sinceridade o que supón convivir cunha pubalxia, unha doenza especialmente complexa para un futbolista do seu perfil. “É unha dor coa que estás no campo e queres facer o que sempre fas. No meu xogo vivo de frear, arrancar, regatear… e queres, pero non podes. É como se te atrancase”, explicou. Esa sensación de impotencia foi, segundo recoñeceu, o máis difícil de levar: “O que máis me custou foi o ‘quero e non podo’. Querer facer cousas que son o meu xogo e non poder facelas”.
A nivel mental, o proceso tamén tivo o seu peso. “É unha lesión moi complicada e moi de cabeza, de estar forte aí”, comentou, admitindo que ao principio houbo momentos de angustia polos altos e baixos da recuperación. Neste sentido, destacou o apoio recibido dentro do club: “Con Sorribas falo moito, axúdame en todo. Nesta lesión tamén foi importante”.
A pesar das dificultades, Yere afronta o presente con optimismo. Tras disputar 70 minutos no seu regreso á titularidade, as sensacións son boas: “Pensaba que ía estar peor, máis canso ou con dor, pero atópome moi ben”. Ademais, deixou claro que non foi necesario pasar polo quirófano, resumindo a súa situación cunha expresión clara e directa: “Non, estou como un animal”.
O canario tamén puxo en valor o rendemento do equipo durante a súa ausencia, demostrando compromiso co colectivo: “Eu parei, pero o equipo seguiu a un gran nivel. Quería estar, pero sabía que non podía”. Unha etapa que, segundo el mesmo, tamén lle serviu para medrar: “Fíxenme moito máis forte e isto axudarame no futuro a ver as cousas doutra maneira”.
Agora, co regreso xa consumado e co respaldo dunha afección entregada, Yeremay Hernández mira ao futuro con ambición. O Depor recupera unha peza clave e él, paso a paso, busca volver á súa mellor versión.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo