XUNTA XERAL DE ACCIONISTAS DO RC DEPORTIVO O MÉRCORES 22 DE MANEIRA TELEMÁTICA.

A Xunta Xeral será de maneira telemática.

 

O Consello de Administración do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD, na súa sesión celebrada o día 30 de setembro de 2021, acordou convocar a Xunta Xeral de Accionistas da Sociedade con carácter de Ordinaria e Extraordinaria, a celebrar no Estadio ABANCA-RIAZOR, sito en rúa Manuel Murguía s/n 15011 A Coruña, en primeira convocatoria, ás 17:00 horas do mércores 22 de decembro de 2021 e, se houbese lugar, en segunda convocatoria, no mesmo lugar e hora, o xoves 23, con asistencia exclusivamente telemática das persoas accionistas e dos seus representantes, de conformidade coa Disposición Final Cuarta da Lei 2/2021, de 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 que modifica o Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19 e medidas extraordinarias aplicables ás persoas xurídicas de Dereito privado, así como ao disposto no artigo 18 dos Estatutos Sociais, de acordo ao seguinte: 

ORDE DO DÍA 

Primeiro.- Informe do presidente ás persoas accionistas relativo á evolución e situación do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD e as súas Sociedades Dependentes. 

Segundo.- Exame e, no seu caso, aprobación dos seguintes puntos relativos ao exercicio social pechado a 30 de xuño de 2021:

2.1. Exame e, no seu caso, aprobación das Contas Anuais Individuais. 

2.2. Exame e, no seu caso, aprobación da xestión social realizada polo Consello de Administración. 

2.3. Exame e, no seu caso, aprobación da proposta de aplicación do resultado do exercicio pechado a 30 de xuño de 2021.

Terceiro.- Exame e, no seu caso, aprobación do orzamento correspondente á temporada futbolística 2021-2022. 

Cuarto.- Ratificación de operacións de financiamento e aprobación, no seu caso, dun préstamo participativo convertible por importe de até doce millóns de euros (12.000.000.-€) e autorización ao Consello de Administración para a súa negociación e subscrición con ABANCA.

Quinto.- Rogos e preguntas. 

Sexto.- Delegación de facultades para a execución e formalización dos acordos adoptados.

Debido á situación excepcional na que nos atopamos e a que aínda existen certas restricións orixinadas pola crise sanitaria da COVID-19, a fin de preservar a saúde das persoas, o Consello de Administración da Sociedade acordou celebrar a Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria a porta pechada no Estadio de ABANCA-RIAZOR por vía exclusivamente telemática, ao amparo do disposto na Disposición Final Cuarta da Lei 2/2021, de 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 que modifica o Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19 e medidas extraordinarias aplicables ás persoas xurídicas de Dereito privado. A asistencia á Xunta poderá realizarse UNICAMENTE por medios telemáticos, contando, no seu caso, coa presenza física exclusivamente dos membros do Consello de Administración e da mesa da Xunta, do notario requirido para levantar a acta da Xunta e do persoal de organización imprescindible, sen prexuízo de que todos ou algúns deles poidan asistir telemáticamente. 

O Consello de Administración lamenta profundamente que esta reunión non poida celebrarse presencialmente, pero considera que, nesta ocasión, a saúde das persoas accionistas debe primar sobre outras consideracións. É por iso que se acordou a celebración da Xunta por medios telemáticos que permitirán a conexión en tempo real e que garantirán o exercicio dos dereitos de información, asistencia, participación e voto das persoas accionistas e a igualdade de trato entre as mesmas. 

En consecuencia, as persoas accionistas poderán exercer os seus dereitos, persoalmente ou por representación, unicamente por vía telemática, nos termos previstos nesta convocatoria e de acordo coas instrucións que se indican na páxina corporativa www.rcdeportivo.es/accionistas. Os mecanismos para asistir remotamente á Xunta Xeral permitirán ás persoas accionistas seguir en directo o desenvolvemento da Xunta, participar na mesma e emitir o seu voto. 

O presidente só convidará ou autorizará a asistencia á Xunta do persoal colaborador interno e externo imprescindible para facer posible a celebración da Xunta.

Os membros do Consello de Administración e da mesa da Xunta poderán asistir á Xunta Xeral por audioconferencia ou videoconferencia, considerándose celebrada no lugar da convocatoria con independencia de onde se atope o presidente da Xunta. 

DEREITO DE INFORMACIÓN 

De acordo co disposto nos artigos 197 e 272.2 da Lei de Sociedades de Capital, as persoas accionistas terán dereito a solicitar e obter a entrega ou o envío gratuíto da información relativa aos puntos incluídos na Orde do Día. 

De forma específica, as persoas accionistas terán dereito a examinar no domicilio social e a solicitar e obter a entrega, ou o envío gratuíto, dos seguintes documentos: 

  • Documento nº 1: Contas Anuais Individuais correspondentes ao exercicio social pechado a 30 de xuño de 2021 e Informe de Auditoría relativo ás Contas Anuais Individuais correspondentes ao exercicio social pechado a 30 de xuño de 2021. 
  • Documento nº 2: Orzamento da temporada futbolística 2021-2022. 

O Real Club Deportivo agradece a todas as persoas accionistas que, en beneficio do medio ambiente e da economía da Sociedade, retiren a documentación en soportes dixitais, solicitándoa formalmente a través do correo electrónico accionistas@rcdeportivo.es. Por estas dúas razóns de sustentabilidade ecolóxica e económica, o Real Club Deportivo de La Coruña, SAD, determinou non realizar envío masivo de correo postal coa convocatoria ás persoas accionistas.

INFORMACIÓN SOBRE A ASISTENCIA TELEMÁTICA Á XUNTA

Lémbrase ás persoas accionistas que, de acordo co establecido no artigo 16 dos Estatutos Sociais, poderán asistir persoalmente ás Xuntas Xerais as persoas accionistas que acrediten ser titulares de, polo menos, dúas accións e que se atopen inscritas ao seu nome, con cinco días de antelación como mínimo, no Rexistro de Accións Nominativas da Sociedade.

Para poder asistir telemáticamente á Xunta, as persoas accionistas deberán inscribirse previamente, desde o momento no que se notifique na web corporativa www.rcdeportivo.es/accionistas e a través das canles de comunicación oficiais do Club, e até as 10:00 horas do día 20 de decembro de 2021, por calquera das seguintes vías: 

– A través da páxina web corporativa www.rcdeportivo.es/accionistas, rexistrándose e facilitando os datos e información requiridos.

– De forma presencial, na Oficina de Atención ao Deportivista do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD, no Estadio ABANCA-RIAZOR: avenida de La Habana, s/n 15011 A Coruña, en horario de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 horas. A persoa accionista deberá exhibir o seu DNI ou pasaporte orixinal. No caso das persoas xurídicas deberán presentar, ademais, a documentación que acredite a súa representación. 

A Sociedade resérvase o dereito de solicitar ás persoas accionistas ou aos seus representantes os medios de identificación adicionais que considere necesarios para comprobar a súa condición de accionista e garantir a súa autenticidade. 

Unha vez inscritos correctamente, e estando debidamente acreditados na súa condición de accionista e o seu dereito de asistencia, as persoas accionistas recibirán por correo electrónico, na conta facilitada no proceso de inscrición, as instrucións para asistir remotamente á Xunta e participar na mesma. 

REGRAS RELATIVAS Á DELEGACIÓN, AGRUPACIÓN E REPRESENTACIÓN 

As persoas accionistas poderán delegar a súa representación e facerse representar na Xunta Xeral por medio doutra persoa. Ademais, tal e como establece a Lei de Sociedades de Capital no seu artigo 189, para o exercicio do dereito de asistencia e o de voto, será lícita a agrupación de accións. A representación é revocable. A participación persoal na Xunta da persoa accionista representada terá valor de revogación. A Delegación, Agrupación e Representación só se considerará válida: 

(I) ben a través da páxina web corporativa www.rcdeportivo.es/accionistas, cumprimentando e facilitando os datos e información requiridos, seguindo as instrucións e información detalladas na propia páxina.

(II) ben cubrindo o impreso oficial dispoñible na Oficina de Atención ao Deportivista do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD no Estadio ABANCA-RIAZOR: avenida de La Habana, s/n 15011 A Coruña, en horario de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 horas. No caso da representación, a persoa accionista representada deberá cubrir persoalmente o impreso de delegación e mostrar o seu DNI ou pasaporte orixinal. Será obrigatorio tamén presentar copia do DNI ou pasaporte orixinal da persoa representante e/ou, no caso das persoas xurídicas, documentación que acredite a súa representación.

(III) ben mediante a presentación das correspondentes escrituras públicas outorgadas para estes efectos ante notario. 

SOLICITUDE DA QUENDA DE PALABRA

As persoas accionistas ou os seus representantes poderán pedir a palabra para intervir, solicitar información ou aclaracións, e formular propostas durante o desenvolvemento da Xunta. Calquera persoa accionista que desexe intervir, deberá inscribirse previamente, sempre antes das 10:00 horas do día 20 de decembro de 2021 a través da páxina corporativa na dirección: www.rcdeportivo.es/accionistas/solicitud-de-quenda-de-palabra

PRESENZA DE NOTARIO NA XUNTA 

En data 30 de setembro de 2021, celebrouse reunión do Consello de Administración da Sociedade e acordouse requirir a presenza dun notario para que levante acta da Xunta Xeral de Accionistas, de conformidade co disposto no artigo 203 da Lei de Sociedades de Capital, en relación co artigo 101 e seguintes do Regulamento do Rexistro Mercantil.

PREVISIÓN SOBRE A DATA DE CELEBRACIÓN DA XUNTA XERAL 

Infórmase as persoas accionistas que, dado que se trata dunha Xunta Xeral de celebración telemática, a Xunta celebrarase, previsiblemente, en primeira convocatoria, o mércores 22 de decembro de 2021, ás 17:00 horas, salvo aviso contrario na web corporativa: www.rcdeportivo.es/accionistas.

PROTECCIÓN DE DATOS 

En virtude da normativa aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal, infórmase as persoas accionistas da existencia dun tratamento automatizado, cos datos de carácter persoal facilitados polas propias persoas accionistas, polos seus representantes ou, no seu caso, polas entidades de crédito e bancarias, Sociedades e Axencias de Valores en que ditas persoas accionistas teñan depositadas as súas accións, con ocasión da Xunta Xeral convocada mediante a presente, así como dos que poidan derivarse como consecuencia da mesma. A finalidade do devandito tratamento e a xestión e administración dos datos das persoas accionistas e, no seu caso, os relativos aos seus representantes, no ámbito da Xunta Xeral de accionistas. As persoas accionistas ou os seus representantes poderán exercitar, nos supostos amparados na lei, os dereitos de acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais, así como a limitación e oposición ao seu tratamento, e a portabilidad dos datos a través da correspondente notificación (que deberá incluír a identificación do titular dos dereitos mediante fotocopia do DNI) remitida á seguinte dirección: praza de Pontevedra 19 1º 15003 A Coruña. O Real Club Deportivo de La Coruña, SAD, na súa condición de Responsable do Tratamento, informa da adopción das medidas de seguridade legalmente esixidas nas súas instalacións, sistemas, tratamentos e ficheiros. Así mesmo, como Responsable do Tratamento, o Real Club Deportivo de La Coruña, SAD, garantirá a confidencialidade dos datos persoais, sen prexuízo da súa obrigación de revelar ás autoridades competentes os datos persoais e calquera outra información que está na súa poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas, sempre que esta fose requirida de acordo co establecido nas disposicións legais e regulamentarias aplicables.

A Coruña, 21 de novembro de 2021

PRESIDENTE DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN

ANTONIO COUCEIRO MÉNDEZ

-Foto e Texto : RC Deportivo

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies