A concentración do Depor en Italia entra na súa recta decisiva. Tras varios días de traballo intenso, o conxunto de Antonio Hidalgo afronta dous compromisos de máxima esixencia que servirán para calibrar o estado do equipo antes do debut ligueiro. O primeiro será este xoves fronte á Fiorentina (20:00 horas) e o segundo, o sábado ante o Genoa (20:45 horas).
Desde a concentración branquiazul falou Ximo Navarro, un dos capitáns do vestiario, que transmitiu confianza no traballo realizado durante a pretempada e ilusión polo regreso do club á elite.
Dous exames de nivel
O defensa considera que os encontros ante dous históricos do calcio chegan no momento adecuado para seguir medindo o crecemento do equipo.
“Sempre motiva enfrontarse a equipos doutras ligas porque non tes moitas oportunidades de facelo. Son dous rivais de nivel que nos van servir para ver onde estamos e seguir mellorando.”
Ximo lembrou que o inicio da competición está á volta da esquina e que o importante é chegar nas mellores condicións posibles.
“Parece que aínda queda moito, pero a Liga está moi preto. Levamos semanas adestrando ben e queremos chegar preparados ao primeiro partido.”
Un grupo cada vez máis unido
O lateral tamén valorou moi positivamente estes días de convivencia lonxe da Coruña. Máis alá dos adestramentos, considera que este tipo de viaxes axudan a fortalecer o grupo e a integrar aos numerosos reforzos chegados durante o verán.
“Convivimos moitas máis horas e iso sempre axuda. A xente nova integrouse moi ben e está demostrando que vén sumar nun ano que vai ser moi esixente.”
A espera de Angeliño
Preguntado pola posible incorporación de Angeliño, Ximo preferiu manter a prudencia mentres non exista confirmación oficial, e dixo que ainda non o viron, (tal como xa apuntaban os mentideiros das redes), aínda que non agochou a súa admiración polo lateral coruñés.
“Ata que sexa oficial non podemos dicir moito, pero é un futbolista que leva anos competindo ao máximo nivel.”
Para o veterano defensor, un xogador coa súa traxectoria suporía un importante salto de calidade.
“É un lateral con moito percorrido, capaz de facer asistencias e tamén goles. Un futbolista dese nivel sempre mellora unha plantilla.”
Preparado para volver á Primeira
No plano persoal, Ximo asegurou atoparse totalmente recuperado das pequenas molestias que lle impediron participar no último amigable.
“Estou moi ben fisicamente. Son semanas de moita carga, pero xa estou adestrando ao cen por cen.”
A poucos días de regresar á máxima categoría, o futbolista recoñece que afronta este reto cunha perspectiva diferente á da súa primeira etapa en Primeira.
“Agora síntome un xogador máis completo. Co paso dos anos gañas confianza, experiencia e entendes mellor o xogo.”
Na Primeira di que non hai marxe para os erros
Ximo sabe perfectamente o que lle espera ao Deportivo esta tempada. Despois de varias campañas na categoría, advirte de que o ritmo e a calidade dos rivais obrigan a manter unha concentración máxima.
“En Primeira calquera erro págase moi caro. Hai xogadores con unha calidade enorme e equipos con moitísimo potencial.”
Aínda así, amósase convencido de que o Deportivo ten argumentos para competir.
“Temos equipo para plantar cara a calquera rival, pero temos que ser conscientes da dificultade que nos espera.”
Eloxios aos reforzos
O capitán tamén destacou o nivel dos novos compañeiros, facendo especial fincapé na mestura de mocidade e experiencia que está a construír o club.
Sobre Aubameyang, foi contundente.
“Todos sabemos quen é. Sorprende o nivel físico que segue tendo e vainos achegar moitísimo.”
Tamén tivo boas palabras para os xogadores máis novos.
“Bright é un portento físico e ten moi boa saída de balón. Amatucci tamén me sorprendeu pola personalidade coa que xoga. Hai fichaxes moi ilusionantes.”
A importancia de Yeremay e Mella
Ximo confía en que tanto Yeremay como David Mella poidan recuperar pronto o seu mellor nivel tras superar os seus problemas físicos.
“Son dous futbolistas que teñen nivel de sobra para xogar en Primeira División. Estamos desexando velos ao cento por cento porque son moi importantes para nós.”
Un chamamento á unión
Por último, o veterano defensa referiuse á importancia de manter unido ao deportivismo nunha tempada que será tan apaixonante como esixente.
“A afección sempre foi fundamental para este club. Nós queremos o mellor para todos e oxalá sigamos unidos porque esa forza é unha das grandes armas do Depor.”
Prepararse de cara o inicio da liga
Con dúas probas de máxima esixencia por diante fronte á Fiorentina e ao Genoa, o Deportivo afronta a semana máis importante da súa preparación. E, como resumiu Ximo Navarro, o obxectivo está claro: “Chegar á Liga no mellor momento posible.”
–
-Vídeo : RC Deportivo
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
–