Ximo Navarro: “Estamos nun momento moi bo e imos dar o 100% por algo bonito”.

 

O Depor entra no treito decisivo da tempada cunha inercia claramente positiva, algo que o propio Ximo Navarro valorou como clave de cara ao obxectivo final. O lateral destacou que chegar a este momento “nunha dinámica moi boa” permite ao equipo competir con “moita máis confianza en si mesmo”, nunha loita que se prevé esixente ata o último intre.

Ximo deixou claro que o vestiario vive un momento especial, cunha unión que cualificou como fundamental: “somos unha familia aí dentro”. Aínda que comparou o ambiente co da tempada do ascenso, tamén advertiu que o contexto actual é máis complexo, xa que “está todo máis equilibrado” e acadar o mesmo éxito será máis difícil.

No plano persoal, o lateral dereito deportivista remata contrato este verán, pero non quere distraccións. Segundo explicou, está centrado en “desfrutar de volver xogar” e en sentirse “nun moi bo momento”. Insistiu en que a renovación non ocupa a súa mente: “é un tema no que non estou pensando demasiado nin me vai desviar”, deixando claro que o seu único foco é “dar o 100% nesta recta final”.

O xogador branquiazul tamén puxo en valor a fortaleza colectiva do equipo, especialmente cando faltan pezas importantes. Para él, a resposta do grupo demostra “a capacidade que temos todos os xogadores” e reforza a idea de bloque sólido. A adaptación progresiva dos novos futbolistas e a cohesión interna son, ao seu ver, claves do rendemento actual.

De cara ao final da tempada, Ximo aposta por unha mensaxe clara: “centrarnos en nós mesmos”. Considera que o equipo xa demostrou o seu nivel e que non precisa enviar sinais a ninguén, senón manter a súa liña de traballo partido a partido.

Tamén fixo fincapé na importancia do equilibrio entre defensa e ataque. Para o lateral deportivismo, non encaixar goles é determinante: “se non encaixas estás máis preto de gañar”, sobre todo tendo en conta o potencial ofensivo do cadro.

A ilusión da afección é outro dos motores do equipo. Segundo recoñeceu, percíbese na rúa e nos ánimos constantes: “a ilusión e a forza que nos dan axúdanos moitísimo”. Esa conexión entre bancada e equipo crea “unha unión moi forte e bonita” que pode ser decisiva neste tramo final.

En resumo, o Depor afronta as últimas xornadas con confianza, unión e ambición, apoiado nun grupo que, como subliña Ximo Navarro, cre firmemente nas súas opcións e está disposto a loitar “por conseguir algo bonito”.

.

-Vídeo : RC Deportivo

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”