Teresa Abelleira no encontro de Huelva.
Sporting Huelva 0-1 Deportivo ABANCA
O Deportivo ABANCA saíu vitorioso da súa visita ao Sporting Huelva grazas a un solitario tanto de Alba Merino, proporcionando ás branquiazuis o pleno de vitorias fóra de casa, co que alcanzan os 16 puntos, que lles aseguran seguir unha semana máis no máis alto da Primera Iberdrola.
A primeira parte do encontro desenvolveuse no medio de múltiples imprecisións por parte de ambos os equipos e, no seu primeiro terzo, con ausencia de achegamentos ás áreas.
O Dépor ABANCA apostou polo seu xogo de toque habitual e iso xogoulle varias malas pasadas polo irregular estado do céspede. O equipo local gozou das dúas primeiras oportunidades do partido. No minuto 18, un man a man de Mascaró ante Sullastres. O frouxo disparo da dianteira onubense atrapouno sen problemas a porteira deportivista. No minuto 26, Sullastres de novo interveu con solvencia nunha falta directa lanzada por Yoko Tanaka.
No cuarto de hora final da primeira metade, as branquiazuis deron un paso adiante e achegáronse con perigo aos dominios de Chelsea Ashurst. As dúas primeiras ocasións chegaron en senllos saques de esquina. A primeira, nunha dobre cabezada de María Méndez. A segunda, nunha volea que Teresa Abelleira enviou por encima do traveseiro tralo rexeite da zaga local.
A polémica chegou no último instante do primeiro acto, cando a colexiada Ylenia Sánchez Miguel anulou un gol a Peke por unha dubidosa infracción previa de Teresa Abelleira.
A segunda parte arrancou coa mesma tónica coa que finalizara a primeira. O Deportivo dominando máis a pelota e chegando cada vez con máis claridade.
No minuto 54 tivo unha dobre ocasión o equipo de Manu Sánchez. Athenea escapouse de todas as defensoras e o seu duro disparo, escorada á dereita, topouse con Chelsea. A dianteira branquiazul recolleu o rexeite e deixou o balón para a chegada desde atrás de Teresa Abelleira, cuxo dereitazo marchouse rozando o pau esquerdo da portería local.
Foi o preludio do 0-1. Nuria recuperou un balón nun mal cambio de orientación da medular onubense, abriu para Peke e dobrouna por dentro. A dianteira buscou en profundidade á santiaguesa, que centrou á área con forza para a chegada ao primeiro pau de Athenea, que non foi capaz de rematar. Quen si o fixo, chegando ao segundo pau, foi a hoxe capitá Alba Merino, para bater a Chelsea.
O Sporting Huelva foise arriba con todo e comezou a xerar perigo. No minuto 60, Sullastres tivo unha providencial dobre intervención nunha falta lateral botada por Irene cuxo rexeite cabeceou Cinta. A porteira catalá desbaratou ambos os balóns sobre a mesma liña de gol. Pouco despois, Irene lanzou unha falta a só 2 metros da frontal da área coruñesa. O disparo perdeuse moi preto do traveseiro.
Após ese arreón do conxunto andaluz, as branquiazuis tranquilizaron o xogo tratando de ter a pelota con longas posesións. A 20 minutos da conclusión, a colexiada anulou de novo un gol ás deportivistas por unha nova falta máis que discutible. Nesta ocasión foi nun córner pechado ao primeiro pau por Teresa que Marta Peiró peiteou ao fondo das mallas da súa propia portería.
A colexiada anulou un novo gol no minuto 82, nesta ocasión ao conxunto local. Mascaró cabeceou un centro de Sara Navarro en posición de milimétrico fóra de xogo. Foi o inicio do arreón final do Sporting Huelva, en que acariñou o empate nun córner pechado que despexou Sullastres e nunha volea de Mascaró que tamén detivo con seguridade a gardameta deportivista.
Ao final, o equipo de Manu Sánchez conservou a súa vantaxe, co que sumou a súa terceira vitoria consecutiva, todas elas sen encaixar un só gol. As branquiazuis acumulan 345 minutos coa portería a cero, desde o tanto do UD Granadilla Tenerife en Abegondo na 3ª xornada.
Sporting Huelva: Chelsea, Irene Rodríguez, Cinta Rodríguez, Korina, Sandra Bernal, Castelló, Efih (Sara Navarro, min. 65), Fatou Kanteh (Marta Peiró, min. 46), Alidou, Yoko Tanaka (Adubea, min. 46) e Mascaró.
Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Noelia Villegas, Nuria, Iris, Teresa Abelleira (Laura, min. 90), Alba Merino (Kika, min. 75), Gaby, Peke (Michelle Romero, min. 79) e Athenea (Maya Yamamoto, min. 86).
Gol: 0-1 Alba Merino (min. 57)
Árbitro: Sánchez Miguel (c. catalán). Cartón amarelo a Efih (min. 31), Gaby (min. 45+1), Noelia Villegas (min. 48), Nuria (min. 63), Alidou (min. 74), Teresa Abelleira (min. 78) e Mascaró (min. 83).
Incidencias: partido da 6ª xornada da Primeira Iberdrola disputado no Estadio Nuevo Colombino.
-Texto : resumo de rcdeportivo.es
-Foto : RC Deportivo
++++
Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.
Tamén informar que trocamos de email : admin@piratasdemuxia.es
Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.
Teléfono
+34 626 72 00 47
Email
admin@piratasdemuxia.es
Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.
ACEPTAR