UNANIMIDADE NO PLENO DA CORUÑA NA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA PETICIÓN DA DIMISIÓN DE JAVIER TEBAS E IRENE LOZANO.

 

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que trasladará á Fiscalía de Madrid todas as accións xudiciais emprendidas polo Concello no caso Fuenlabrada. “Iremos até o final para que se depuren todas as responsabilidades”, sinalou a rexedora para quen “ninguén está por riba dos protocolos sanitarios poñendo en risco a toda unha cidade”. A unidade mostrada pola Corporación, dixo Rey, serve como exemplo de que a pesar das diferenzas políticas “a Corporación está ao lado do Deportivo, da xustiza, e da dignidade de toda unha cidade”.

A rexedora fixo estas declaracións durante a lectura dunha declaración institucional pactada por todos os grupos políticos en que a Corporación manifestou a súa unidade na defensa dos intereses do Deportivo e expresou o seu recoñecemento cara ao Deportivo e o seu apoio a todas as accións e medidas que adopte o consello de administración e a súa solidaridade co capitán deportivista Álex Bergantiños. Tamén expresou o seu rexeitamento á actitude hostil mostrada pola Liga de Fútbol Profesional co RCD e apoiará todas as accións legais que impulse o Deportivo por todo o acontecido. Ademais, esixirá á LFP a reparación dos danos que na imaxe da cidade causou a viaxe do F.C. Fuenlabrada; unha viaxe que tivo graves consecuencias económicas polo impacto no turismo.

A Corporación pediu a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes, Irene Lozano a quen considera cómplice dos incumprimentos da LPF e da SD Fuenlabrada, e a reprobación e inhabilitación de Javier Tebas como presidente da LFP polos seus comentarios despectivos sobre o RCD. Tamén esixe ao delegado do Goberno, Javier Losada, que rectifique a súa declaración en que apoiaba a actuación do Consello Superior de Deportes. E, por último, o Pleno reafirmou o seu compromiso coa saúde pública e agradeceulle publicamente á cidadanía o seu comportamento nesta crise.

 

-Foto e Texto : Concello da Coruña.