UC Cee e Xallas FC finalistas da “VI Copa da Costa Feminina” tras superar en semifinais a CF Muxía e Corme CF.

O Xallas e o Cee citaranse na final da VI Copa da Costa Feminina

As semifinais da VI Copa da Costa Feminina deixaron emoción, igualdade e moitas historias que contar. O Xallas FC confirmou o seu gran momento e estará na final tras superar ao Corme CF, mentres que a UC Cee protagonizou unha remontada épica para eliminar nos penaltis ao CF Muxía, finalista da pasada edición.

A gran final disputarase o 6 de xuño na Fontenla (Santa Comba), onde o Xallas xogará como anfitrión nun duelo con aroma a revancha.


O Xallas sobre O Cairo.

Corme CF 0-2 Xallas FC

Eficacia visitante para conquistar o pase

Partido intenso no Cairo, cun gran ambiente nas bancadas e dúas afeccións entregadas desde o primeiro minuto. O Xallas entrou mellor ao encontro e atopou premio moi cedo: no minuto 7, Graciela aproveitaba un rexeite da porteira tras saque de banda para facer o 0-1.

O Corme non baixou os brazos e respondeu con boas ocasións. Primeiro Nati obrigaba á gardameta visitante a realizar un auténtico paradón e pouco despois Cris, chegando desde segunda liña, enviaba fóra unha clara oportunidade de empate. Tamén o Xallas puido ampliar vantaxe antes do descanso, pero o marcador non se movería.

Na segunda metade, o guión repetiuse. As visitantes volveron golpear cedo e Olalla, no 47’, castigaba un erro na saída de balón para poñer o 0-2 definitivo. A partir de aí, o Xallas controlou o ritmo do encontro cun sólido traballo no medio campo.

O técnico do Corme, Rubén Souto, amosábase orgulloso pese á eliminación:

“Saio moi orgulloso do meu equipo. Escápasenos a final polo de sempre este ano: os rivais chegan e marcan e nós non, e a estes niveis iso marca moito a diferenza.

Encaixamos moi cedo, dun saque de banda onde fomos moi pasivas, tanto na primeira acción como na segunda xogada, pero aínda así seguimos metidas e enchufadas no partido, tendo primeiro unha de Nati, que fai un paradón a porteira, e despois unha de Cris, que entraba desde segunda liña soa e tiraríamos fóra. Elas dispuxeron tamén dunha moi clara de Graciela que se iría fóra por pouco.

Saíamos na segunda parte con moitas ganas de darlle continuidade ao da primeira, esperando conseguir sumar un gol que nos metera de cheo no partido, pero volvemos encaixar demasiado cedo e iso deixounos con moitas dúbidas.

Fixemos cambios para intentar gañar en profundidade e, xusto despois de facelo, lesionouse Ana nun encontronazo fortuíto que nos fai volver modificar, e aí si que se notou moito que o equipo caeu.

Darlle a noraboa ao Xallas por ese pase á final. Son un gran equipo”.

Pola súa banda, o adestrador do Xallas, Eloy García, destacaba o cumprimento do plan:

“Partidazo de Copa que nos enfrontaba a un Corme en boa dinámica e na súa casa, con moitísima afección. A nosa tampouco se quedou curta e debiámonos a eses siareiros incondicionais que se desprazaron para darnos ánimo.

O primeiro sorriso sacámolo no minuto 6 cun gol de cabeza de Graciela, que aproveitaba un rexeite da porteira. O plan de partido era marcar cedo e todo ía segundo o previsto. O Corme, encerrado atrás, defendía as nosas opcións de gol e o tamaño do campo facía que o xogo tivera que ser rápido e pouco vistoso. Co 0-1 chegaríamos ao descanso.

Na segunda parte, co vento a favor e con ese gol de vantaxe, saímos a sentenciar e no minuto 2 Olalla faría o 0-2 aproveitando un erro na saída de balón das rivais.

A partir de aí controlaríamos o medio campo e con iso o partido, cunha Noe e unha Espasandín que marcaron os tempos ata o final.

Pasamos á desexada final. Xogaremos na casa e con ganas de revancha contra o Cee. Miles de grazas a todas e todos os que viñestes ao Cairo.”

Goles:
0-1, Graciela (7’)
0-2, Olalla (47’)


UC Cee 3-3 CF Muxía
(Penaltis : 3-2 )

Unha semifinal para a historia

Se a primeira semifinal foi de eficacia, a segunda foi directamente de película. O Cee e o Muxía ofreceron un encontro cheo de alternativas, goles e emoción ata o último suspiro.

Golpeou primeiro o Muxía cun tanto de Eva Lema no minuto 12, pero a reacción ceense foi inmediata e PaulaVeiga empataba só tres minutos despois. O partido entrou nun intercambio constante e Nerea devolvía a vantaxe para as da Vila da Barca antes do descanso (1-2).

Na reanudación parecía que o encontro quedaba sentenciado cando novamente Eva Lema anotaba o 1-3 no 55’. Pero o Cee negouse a renderse. Cristina recortaba distancias no 75’ e cando o partido xa agonizaba apareceu Saray, no 89’, para levar o delirio ás bancadas co 3-3.

A eliminatoria decidiu­se desde os once metros, e nin aí faltou emoción: fallos nos dous primeiros lanzamentos, acertos posteriores e unha tanda longa que chegou ata os nove penaltis, resolta finalmente por 3-2 para o Cee.

Así, o conxunto ceense deixaba na cuneta a un dos grandes favoritos, o Muxía, finalista da pasada edición na que caera tamén nos penaltis ante o Dumbría. En liga as muxianas no encontro que xogaron na primeira volta derrotaran as ceenses por 6-1. Voltarán a verse as caras en liga o 24 de maio.

Goles:
0-1, Eva Lema (12’)
1-1, Paula (15’)
1-2, Nerea (27’)
1-3, Eva Lema (55’)
2-3, Cristina (75’)
3-3, Saray (89’)

Penaltis: 3-2 (9 lanzamentos)


.

-Fotos Muxía : Marina Busto

-Foto Xallas : Eloy García

-Texto : Xosé Búa “Pirata”