TROCO NO BANCO : BORJA JIMÉNEZ FORA…ÓSCAR CANO DENTRO.

Óscar Cano será presentado este mércores.

 

O RC Deportivo anunciou a esperada por moitos destitución de Borja Jiménez, e hai que decilo…non sen razóns. Non tardou moito en anunciar o novo inquilino do banco deportivista, que é o nazarí, Óscar Cano, e xa o fixo con foto, dél, e do seu segundo, Elías Martí, en Riazor, onde dará hoxe rolda de prensa na sua presentación, (16:30 horas/14:30 GMT).

Dun adestrador que desilusionou dende o encontro da pasada tempada ante o Albacete, a un que tampouco ilusiona moito, e o que esperamos, que nos chegue a ilusionar, polo ben do clube e da afección.

Así é o novo adestrador que nos presenta o RC Deportivo 

Óscar Pedro Cano Moreno (Granada, 6 de novembro de 1972), conta cun extenso currículo na terceira categoría do fútbol español, onde dirixiu un total de 260 encontros.

A súa primeira experiencia foi co CD Baza no curso 2006-2007. Posteriormente fichou polo Granada CF, ao que dirixiu na campaña 2007-2008 e ao comezo da seguinte. O Polideportivo Ejido (2009-2010), onde substituíu ao destituído Josep Nogués, foi a súa seguinte parada, antes de dar o salto á Segunda División coa extinta UD Salamanca (2010-11), á que dirixiu até a 24ª xornada.

O seu regreso á división de bronce foi co UD Melilla (2011-2012), previo paso a facerse coa dirección técnica do Real Betis Balompié B (2012-2013) trala destitución de Puma Racero. Non puido evitar o descenso dun desafiuzado filial verdibranco, pero a temporada seguinte devolveuno á Segunda División B. Após ese ascenso asinou co CD Alcoyano, que o destituíu en febreiro de 2015.

Despois dunha etapa como director deportivo da Cultural e Deportiva Leonesa, Óscar Cano regresou aos bancos en decembro de 2018 para coller as rendas do CD Castellón. Na súa primeira campaña salvou ao equipo e sentou as bases para á seguinte lograr o ascenso á categoría de prata do fútbol nacional.

A súa segunda experiencia en Segunda División, co cadro blanquinegro na Temporada 2020-2021, acabou cunha destitución xusto a metade de campionato, despois de que a directiva non aceptase a súa dimisión en novembro após sumar soamente 3 dos primeiros 27 puntos en xogo.

A comezos do curso 2021-2022 foi fichado polo CD Badajoz, que o destituíu despois de 22 xornadas, co equipo na duodécima posición do grupo 1º de Primera Federación.

En total, Óscar Cano suma 45 partidos dirixidos en Segunda División, 260 encontros entre Segunda B e Primera Federación e 5 en playoffs de ascenso a Segunda, 2 co Polideportivo Ejido e 3 co CD Castellón.

Tras a rolda de prensa de presentación que terá lugar hoxe ás 16:30 h. en Riazor, Cano dirixirá a partir das 18:00 h. o seu primeiro adestramento no estadio Deportivista.

Xunto ao técnico nazarí chega ao RC Deportivo, para exercer de segundo adestrador, Elías Martí (A Llosa de Ranes, Valencia, 27 de outubro de 1977). Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, Técnico Deportivo Superior de Fútbol e máster en Preparación Física en Fútbol, exerceu como segundo adestrador e preparador físico de equipos como o CD Badajoz, CD Castellón, CD Alcoyano, Cultural e Deportiva Leonesa, Real Murcia, Olímpic de Xàtiva ou Ontinyent.

Para finalizar, desexarlle a Borja Jiménez toda a sorte do mundo no futuro, que teña máis sorte, e lle salgan as cousas mellor ca do que lle sairon aquí.

-Foto : RC Deportivo

-Texto : piratasdemuxia/rcdeportivo