A 7ª xornada da Liga de Futsal de Cee, que se disputa semanalmente no Pavillón Municipal de Cee, deixou cambios relevantes na cabeza da clasificación, nunha semana condicionada polo aprazamento do encontro estrela entre o ata agora primeiro e segundo clasificados, La Fontana e Nueva María Teresa, que finalmente pasan a ocupar a segunda e terceira praza respectivamente.
O liderado pasa agora a mans do Altamira F.S., que non desaproveitou a ocasión e sumou unha vitoria de autoridade nunha xornada con resultados dispares e moito movemento nas zonas media e baixa da táboa.
Empate con goles para abrir a xornada
A xornada botou a andar o luns 19 de xaneiro cun encontro entretido entre Buen Camino e Batifondo, que rematou nun vibrante 5-5. Primeiro punto para o Batifondo e segundo para o Buen Camino, conxuntos inmersos na loita por evitar ser o colista.
Ese mesmo día, o Altamira F.S. deu un golpe enriba da mesa ao impoñerse con claridade ao Atlético Raíces (1-5). Os de Altamira amosaron o seu mellor nivel ofensivo e confirmaron as súas aspiracións ao título, situándose como novos líderes grazas ao aprazamento do duelo directo entre os seus principais rivais.
Panadería Pichín colle aire
Xa o mércores 21 de xaneiro, a Panadería Pichín logrou unha vitoria importante ante o Wash & Relax F.S. (4-2), nun encontro serio e eficaz que lles permite seguir escalando posicións na táboa.
Pola súa banda, o partido entre La Fontana e Nueva María Teresa quedou aprazado, deixando en suspense un choque clave que, cando se dispute, pode volver axitar a loita polo primeiro posto.
Clasificación e destacados individuais
Tras sete xornadas, o Altamira F.S. lidera a clasificación empatado a puntos con Nueva María Teresa, seguidos a un punto por La Fontana. Tres equipos separados por unha marxe mínima que promete emoción ata o final.
No apartado individual, Bruno (La Fontana) continúa como máximo goleador da competición con 28 tantos, con 15 máis co segundo Javi “Marroco”, (Alatamira FS), mentres que o outro Bruno, lidera o ranquing dos porteiros menos batidos, (6 en contra), defendendo a portería do Nueva María Teresa, confirmando o peso dos xogadores decisivos neste campionato.
En canto á Deportividade, Batifondo segue sendo o equipo máis limpo, seguido do La Fontana e Panadería Pichín.
A Liga de Futsal de Cee entra así nun momento clave, coa igualdade como protagonista e cun liderado que pode volver cambiar en calquera xornada. O Pavillón Municipal de Cee segue sendo, semana tras semana, escenario dun campionato tan igualado como apaixonante.
.
-Foto e información : Javi “Marroko”
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
