Triunfo de prestixio do Xuvenil A para entrar na Final entre os catro mellores de España.

COPA DO REI XUVENIL

CD Tenerife 0-1 Depor Xuvenil “A”

O Xuvenil A deportivista asinou unha actuación de moito nivel en Tenerife para lograr un triunfo por 0-1 no Heliodoro Rodríguez López que o mete de cheo na Final Four da Copa do Rei. Un partido serio, valente e cheo de personalidade que confirma o gran momento que vive a canteira deportivista.

Xa na primeira metade, o conxunto branquiazul deixou claras as súas intencións cun fútbol atractivo, combinativo e con constantes chegadas á área rival. As ocasións sucedéronse e ben puideron servir para deixar a eliminatoria practicamente resolta antes do descanso, pero o gardameta local converteuse no principal obstáculo, evitando varios goles con intervencións decisivas.

Lonxe de cambiar o plan, o equipo mantivo a súa identidade tras o paso polos vestiarios, movendo o balón con criterio, atopando espazos por dentro e profundidade polas bandas ata atopar o premio do gol que decantou o encontro. Un tanto que fixo xustiza ao visto sobre o terreo de xogo e que selou unha clasificación tan merecida como histórica.

O pase ás semifinais coloca agora ao Xuvenil A fronte ao FC Barcelona nunha Final Four aínda sen sede confirmada, un reto de máxima esixencia que reforza o orgullo dun proxecto que continúa medrando e asentándose entre as canteiras máis destacadas do fútbol estatal.

Este éxito chega, ademais, acompañado dun recoñecemento individual para varios dos seus futbolistas, con novas chamadas das seleccións nacionais: Samu coa sub-19, Mauro Valeiro coa sub-17 e Raúl Lema coa sub-16, un reflexo do excelente traballo que se está a realizar desde a base deportivista.

.

-Foto e vídeo: RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies