Tripla vitoria do tenis de mesa vimiancés nunha gran xornada ligueira
O tenis de mesa da Costa da Morte viviu unha fin de semana moi positiva para os equipos do club vimiancés, con triunfos tanto en Primeira como en Segunda División Galega e cun derbi costeiro que volveu caer do lado local.
Derbi para o VTM na Primeira División Galega
Na Primeira División Galega disputouse un novo enfrontamento entre equipos da comarca, co duelo entre o VTM Pinturas Figueiras e o AD Zas, que rematou cun axustado 3-2 favorable aos xogadores de Vimianzo.
O conxunto soneirán comezou o encontro con gran intensidade, logrando unha vantaxe inicial de 3-0 que encamiñaba claramente a vitoria. Nos últimos partidos, o AD Zas reaccionou e conseguiu recurtar distancias, deixando o marcador final nun competido 3-2.
Con este triunfo, o VTM mantense como líder do seu grupo, consolidando o gran momento de forma que atravesa esta tempada. Pola súa banda, o AD Zas continúa en postos de descenso, nunha situación que o obriga a sumar nos vindeiros compromisos.
Xogadores do VTM: Julio, Paco Paz e Budi.
————————————————————————————
Dobre triunfo do Vimianzo TM na Segunda División Galega
O pavillón de Vimianzo acolleu unha concentración da Segunda División Galega na que participaron o Vimianzo TM, o Club del Mar Promesas da Coruña e o TDOT Narón, nunha xornada marcada pola igualdade e o alto nivel competitivo.
O equipo local asinou unha actuación destacada ao conseguir dúas importantes vitorias:
- Vimianzo TM 3 – 2 Club del Mar Promesas
- Vimianzo TM 3 – 2 TDOT Narón
Ademais, o encontro entre os equipos visitantes rematou con triunfo do TDOT Narón por 3-2 fronte ao Club del Mar Promesas.
Estas dúas vitorias permiten ao Vimianzo TM situarse na cuarta posición da clasificación na súa primeira participación nesta categoría, un resultado moi meritorio tendo en conta o nivel dos rivais en competición.
Xogadores do Vimianzo TM: Karim, Joey, Simón, Pablo, Jonathan, Nico Paz e Martín.
A xornada confirma o bo estado do tenis de mesa vimiancés, que continúa medrando tanto en resultados como en presenza competitiva dentro das ligas galegas.
.
.
-Información e fotos : Paco Paz
-Texto : Xosé Búa “Pirata”



