TRALA CONTESTACIÓN DE SANIDADE PODERÁN ASISTIR A RIAZOR TÓDOLOS QUE XA TEÑEN ENTRADA PARA O DEPOR-SALAMANCA.

 

Esta mañá saía un comunicado do RC Deportivo no que informaba que se pararan de vender entradas aos Socios Protectores e de Ouro, para o encontro da 1ª xornada de liga antre o Depor e o Salamanca o vindeiro Domingo a patires das 19:00 horas, (17:00 GMT). O motivo era a falla de contestación por parte da Consellería de Sanidade da Xunta do aforo que podían vender, que se esipulaba antre os 4.000 e 5.000. Algo xusto tendo en conta que campos pequenos podán albergar 1.000 e de seguro con máis complicacióins para cumprir as normativas sanitarias.

Tras recibir por fin a contestación da Sanidade Galega, non se baixa aos 1.000 senón que se permite a entrada co protoclo orgañizado polo RC Deportivo, pero sen permitir que se venda máis aforo do que se vendeu ata o día de onte e que ronda os 4.000 socios.

COMUNICADO RC DEPORTIVO

O Real Club Deportivo recibiu este mediodía a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia para ampliar o aforo do Estadio ABANCA-RIAZOR, para o Deportivo-Salamanca do domingo ás 19:00 h., por encima dos 1.000 espectadores sempre que se sigan cumprindo todos os requisitos do protocolo presentado por propio Real Club Deportivo o pasado xoves día 8.

O novo aforo autorizado para ABANCA-RIAZOR permitirá o acceso ao Estadio de todos os socios que, até onte mércores 14 de outubro de 2020, adquiriran xa a súa localidade para o encontro, pero fai imposible continuar coa venda de máis entradas. Os Socios Protectores que están na listaxe de adxudicatarios e que non puideron comprar a súa localidade polo peche da venda, serán quen teñan preferencia de compra para o próximo partido como local do Deportivo.

Deste xeito, todos os Socios Protectores e de Ouro do Deportivo que teñan a entrada no seu poder poderán acceder o domingo a partir das 18:00 horas ao Estadio por unha das portas habilitadas. No momento da compra da entrada, rexistráronse os datos de fila e asento asignado a cada socio adxudicatario, responsable desde ese momento do uso posterior desa entrada en caso de rastrexo por COVID. Para acceder ao Estadio ABANCA-RIAZOR será necesario presentar a entrada adquirida, non sendo válido ningún carné para o acceso. Por protocolo COVID cada asistente deberá pasar un control de temperatura, higienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade (identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) asignada na súa entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños respectando as distancias. Non haberá servizo de bares nin está permitido introducir e consumir comida ou bebida no interior do Estadio nin tampouco fumar), respectando sempre a distancia de seguridade de 1,5 metros entre espectadores. Todas estas indicacións reiteraranse aos asistentes tanto na cartelaría instalada en ABANCA-RIAZOR como a través da megafonía durante todo o partido.

Para abandonar o Estadio, os Socios deberán esperar as instrucións do persoal do Club asignado a cada bancada e as que se darán por megafonía.

O Real Club Deportivo roga a todos os seus socios que manteñan todos os protocolos de distanciamento social e hixiene nos accesos e saídas do Estadio ABANCA-RIAZOR o día do partido, tratando de adiantar no posible a súa chegada ao Estadio para evitar esperas de última hora.

-Foto : piratasdemuxia

-Texto : piratasdemuxia/RC Deportivo