Fiorentina 1-1 Depor
O Depor sumou un meritorio empate (1-1) ante a Fiorentina no Stadio Curva Fiesole, nun encontro no que o peor non foi o resultado senón o lamentable estado do terreo de xogo. O céspede, excesivamente brando desde o inicio, foi levantándose co paso dos minutos ata converterse practicamente nunha horta, dificultando o fútbol de ambos os conxuntos, máis aos italianos que desbordaron continuamente a pesares de todo.
O conxunto branquiazul comezou o partido levando a iniciativa e monopolizando a posesión do balón, aínda que sen atopar profundidade nos últimos metros. Porén, aos 17 minutos chegou o primeiro golpe para os de Antonio Hidalgo. Nunha acción a balón parado, Quagliata foi claramente empurrado dentro da área sen que o colexiado sinalase falta. O rexeite caeu nos pés de Ndour, que enganchou unha espectacular volea imposible para Ferllo.
Co marcador a favor, a Fiorentina, que celebra este ano o seu centenario e leva investidos 100 millóns de euros en reforzos para aspirar a todo no Calcio, fíxose dona do encontro a través da posesión e con chegadas perigosas ata mandando un balón que rozou o pau.
No minuto 38 o choque tivo que deterse durante varios minutos debido a un apagón nas instalacións, circunstancia que obrigou a prolongar o primeiro tempo en seis minutos. Tras a reanudación, o guión apenas mudou. O equipo italiano continuou controlando o balón, mentres o Depor buscaba resistir e aproveitar algunha transición que non chegou.
Ao descanso entrou Villares por Noé. O canteirán regresaba tras varios días parado por unhas molestias físicas. Pouco despois, un balón dividido estivo a piques de ser aproveitado por Aubameyang, pero David de Gea, moi atento, saíu ata tres cuartos de campo para anticiparse e evitar o perigo.
A Fiore continuou xerando achegamentos á área deportivista, aínda que sen atopar remates entre os tres paus. O partido cambiou co carrusel de substitucións. Kevin, que substituíu a Aubameyang no minuto 63, revolucionou a banda dereita coa súa velocidade e profundidade. Precisamente das súas botas naceu a mellor ocasión dos nosos ata ese momento, cun gran centro que Villares rematou de cabeza a boca de xarro, atopándose co longueiro cando xa se cantaba o empate.
Co paso dos minutos, o Dépor foi medrando. Gañou presenza co balón, empezou a percutir por ambas as bandas e acabou atopando o premio. Nunha pugna entre Kevin e dous defensores, un destes cedeu involuntariamente o balón ao gardameta Christensen, (que substituíra a De Gea no minuto 61). O colexiado sinalou libre indirecto dentro da área e Bil Nsongo non desaproveitou a oportunidade. O seu potente disparo raso tocou nun defensor antes de desviar a traxectoria, sorprendendo ao porteiro e converténdose no seu primeiro gol desta pretempada, ademais do tanto que establecía o definitivo 1-1.
Nos últimos minutos apenas houbo ocasións destacables e o marcador xa non se movería. O empate deixou un excelente sabor de boca na expedición deportivista, non só pola entidade do rival, senón porque a Fiorentina chegaba tras empatar tamén hai uns días co Real Madrid (2-2), confirmando o enorme potencial dun equipo chamado a pelexar polos títulos esta tempada.
O Depor non estivo só
O Depor non estivo só neste encontro e tivo a deportivistas animando na banda. Tamén houbo representación de Os Piratas de Muxía en Florencia.
Depor :Ferllo; Ximo Navarro (Quique Teijo, 78´), Noubi (Comas, 78´), Bright Ede (Dani Barcia, 78´), Quagliata (Xabi Campos, 78´); Riki (Amatucci, 78´), Gijselhart (Mario Soriano, 78´), Luismi Cruz (Guerrero, 78´), Noé Carrillo (Villares, 46´); Chouri (Bil Nsongo, 78´) e Aubameyang (Kevin Sánchez, 62´).
Goles : 1-0, Cher Ndour, (18´); 1-1, Bil Nsongo, (89´).
O que queda por diante
Os nosos pecharán a súa xira continental o vindeiro sábado en Xénova, onde se enfrontará ao Genoa a partir das 20.45 horas, (televisado pola TVG2 e pola canle de Youtube do RC Deportivo). Despois regresará á Coruña para disputar o Trofeo Teresa Herrera, (o vindeiro mércores ás 21:00 horas), e afrontar a recta final da preparación antes do debut ligueiro. A estrea oficial será en Riazor o luns 17 de agosto, ás 21.00 horas, fronte ao Elxe.
–
-Foto : Toni Vilar/Os Piratas de Muxía
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
–

