TÓDOLOS SOCIOS DO RC DEPORTIVO TEÑEN GARANTIDA UNHA ENTRADA PARA A FINAL DO PLAY-OFF, E ESTARÁN DISPOÑIBLES DENDE ESTE MÉRCORES ÁS 11:00 HORAS.

 

 

Segundo nos informa o RC Deportivo :

Após a solicitude formal de entradas por parte do RC Deportivo á RFEF e que esta garantise que o aforo de ABANCA-RIAZOR permite atender a demanda tanto do Dépor como do Albacete Balompié, o RC Deportivo informa a todas as súas 20.140 persoas socias do seguinte:

– As 20.140 persoas socias do RC Deportivo teñen garantida unha entrada para o Deportivo-Albacete do sábado ás 18:00 h. en ABANCA-RIAZOR.
– En base á petición realizada polo RC Deportivo e á solución tecnolóxica achegada pola RFEF esta semana para poder atender tan elevada demanda, entre o mércores 8 ás 11:00 h. e o xoves 9 ás 11:00 h., as persoas socias do Deportivo terán bloqueado e á súa disposición o aforo de ABANCA-RIAZOR solicitado polo RC Deportivo para poder comprar a súa entrada.
– No proceso de compra será obrigatorio introducir o ID de cada persoa socia (cifras no abono a continuación do número de abonado e unha /) e o PIN de cada persoa socia (4 últimas cifras do seu DNI) ao adquirir a entrada. Hai que lembrar que os menores sen DNI deben introducir 0000 como PIN. Se o menor ten DNI pero non se notificou ao Club e as 4 últimas cifras do DNI dan erro, probar con 0000 como PIN. De persistir o erro, contactar coa Oficina de Atención ao Deportivista.
– Para a agrupación de entradas será posible introducir até 6 IDs e PINs de persoas socias nun único proceso de compra.
– Durante o período de bloqueo para persoas socias do Dépor non se poderá comprar nin unha soa entrada que non leve aparellados una ID e PIN de abono do RC Deportivo.

– Unha vez finalizado o período de bloqueo (xoves 9 ás 11:00 h.) calquera persoa afeccionada poderá adquirir entradas do aforo sobrante non adquirido por persoas abonadas do Deportivo.

 

Di o RC Deportivo que é importante lembrar que:

– Para este partido ABANCA-RIAZOR non é o campo do RC Deportivo. É campo da RFEF como sede única da Promoción de Ascenso a Segunda, polo que a organización do partido, a todos os niveis, corresponde á RFEF.
– Por iso, o partido non entra dentro do abono de temporada do RC Deportivo e non será válido o acceso co carné en ningún caso.
– As entradas venderanse, exclusivamente, de maneira telemática a través da plataforma online da RFEF nunha ligazón que se fará público durante a mañá do mércores 8 de xuño a través de todas as canles de comunicación do RC Deportivo.
– Esas entradas serán o único sistema de acceso válido ao Estadio.
– Polo sistema poderanse comprar localidades de calquera bancada do campo (Excepto zonas de Preferencia, reservadas para atender a solicitude do Albacete Balompié e espazos de seguridade entre afeccións; e zonas de Tribuna, reservadas aos compromisos institucionais e comerciais da RFEF, RFGF, RC Deportivo e Albacete Balompié), polo que é imposible garantir a ningunha persoa socia que a entrada que compre coincida co seu asento ou bancada habitual.

– Os prezos das entradas marcados pola RFEF para este partido son:
Tribuna Superior e Inferior: 26 euros
Preferencia Superior Impar e Inferior Impar: 22 euros
Fondos de Marathón e Pavillón: 18 euros

– Para calquera dúbida ou aclaración sobre este procedemento, a Oficina de Atención ao Deportivista (Estadio ABANCA-RIAZOR, avenida de La Habana s/n) permanecerá aberta no seu horario habitual até o venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 h.

-Foto : piratasdemuxia

-Texto : RC Deportivo/piratasdemuxia