TODO O QUE DEBES SABER PARA COLLER AS ENTRADAS PARA O DEPOR-SD LOGROÑÉS DE MAÑÁN VENRES.

 

Ao non producirse cambios na normativa de control de accesos, aforos e situación dos asistentes aos espectáculos deportivos en Galicia para a data fixada para o noso próximo partido,  o Real Club Deportivo quere informar a todas as súas socias e socios de que, novamente, será obrigatorio para cada un deles ter entrada e non estarán operativos os carnés anuais para poder acceder a ABANCA-RIAZOR o vindeiro venres. 
Desde este momento xa están dispoñibles as entradas para todas as socias e socios do Dépor con abono con localidade para o RC Deportivo-SD Logroñés do venres 1 de outubro ás 21:00 h en ABANCA-RIAZOR.
A través da seguinte ligazón, após identificarse coa súa ID de Socia/ou e os 4 últimos números do DNI, a persoa abonada poderá seleccionar calquera asento dispoñible -marcado en verde na aplicación- (e que non ten por que coincidir co que ten como titular de abono) que desexe escoller para a súa entrada: https://bancada.rcdeportivo.es
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos próximos, só separados polas distancias de seguridade.

Ao tratarse dun procedemento de adxudicación directa, é moi importante lembrar que unicamente se realice o proceso para conseguir a entrada, dispoñible até o comezo do partido, no caso de que exista a total certeza de que se acudirá ao encontro. Debido ás actuais restricións sanitarias aínda non está dispoñible o 100% do aforo do Estadio, co que unha vez completada a operación bloquearase o asento para o socio que o solicite sen posibilidade de liberalo.

Ademais existen varias bancadas con máis carnés de socio que o seu aforo actual, polo que aproveitamos para indicar que, mentres haxa localidades libres soamente poderán retirarse entradas da bancada correspondente ao carné pero, unha vez esgotada, habilitaranse opcións alternativas en bancada de superior categoría.

Unha vez completado o proceso recibirase directamente a entrada no correo electrónico introducido (recoméndase revisar a bandexa de entrada ou de correo non desexado) xunto ás indicacións necesarias para poder gozar, con total seguridade e coa paixón de sempre, da experiencia nas nosas instalacións para ver en directo un partido do Dépor.

A última hora da tarde de hoxe notificouse a dispoñibilidade de entradas ás socias e socios que autorizaron o envío de comunicacións por parte do Club no seu proceso de renovación do abono. Se es socia ou socio do RC Deportivo e non solicitaches no seu día o poder recibir esas comunicacións directas do club, podes facelo en calquera na seguinte ligazón: https://rcdeportivo.es/suscripcion

-Texto e Fotos : RC Deportivo