A pasada fin de semana disputouse a derradeira xornada de liga de tenis de mesa antes do parón de Nadal, cun balance moi positivo para os equipos da Costa, especialmente para o Vimianzo TM, que asinou unha fin de semana perfecta con tres vitorias en tres encontros.
1ª División Galega – Grupo Centro
AD Zas Axiña Telecom 2-3 VTM Pinturas Figueiras
Na mañá do sábado celebrouse en Zas o segundo derbi costeiro da tempada entre o AD Zas Axiña Telecom e o VTM Pinturas Figueiras. Do mesmo xeito que no encontro da primeira volta, a vitoria caeu do lado do conxunto vimiancés nun partido moi disputado e de alto nivel.
O triunfo permite ao VTM Pinturas Figueiras pechar o ano como líder invicto da 1ª División Galega, confirmando o seu gran estado de forma e deixando claras as súas aspiracións para a segunda metade da tempada.
Polo AD Zas Axiña Telecom competiron Enrique, Pablo, Lucas e Jesús, mentres que polo Vimianzo TM alinearon Julio, Paco e Budi.
+++
2ª División Galega – Grupo 2
Celta Ingenieros Narón 2-3 Vimianzo TM
Club del Mar Senior 2-3 Vimianzo TM
Xa pola tarde, o equipo do Vimianzo TM da 2ª División desprazouse ata A Coruña para disputar unha dobre xornada nas instalacións do Club del Mar. Os rapaces de Vimianzo afrontaron dous encontros esixentes fronte ao Club del Mar Senior e ao Celta Ingenieros Narón, resolvendo ambos cun axustado pero merecido 2-3.
Estas dúas importantes vitorias permiten ao Vimianzo TM situarse na terceira posición da clasificación, consolidándose na zona alta da táboa antes do descanso navideño.
O equipo estivo formado por Simón, Karim, Joey, Jonathan e Nico, demostrando compromiso, regularidade e unha gran capacidade competitiva.
Unha fin de semana redonda para os equipos vimianceses do tenis de mesa costeiro, que pecha o ano con boas sensacións, resultados e ilusión de cara ao 2026.
-Fotos e información : Paco Paz
-Texto : Xosé Búa “Pirata”

