TENIS DE MESA : O VTM Pinturas Figueiras continúa intratable na volta a competición.

O VTM Pinturas Figueiras iniciou o novo ano do mellor xeito posible cunha clara vitoria por 4-1 fronte ao CTM Coruña, nun encontro correspondente á xornada de retorno das ligas galegas de tenis de mesa, disputado tras o parón do Nadal.

O equipo vimiancés impúxose con autoridade ante un dos conxuntos pertencentes a un dos clubs máis antigos de Galicia, o Club Tenis de Mesa Coruña, demostrando unha vez máis o gran momento de forma polo que atravesa esta tempada.

Con este triunfo, o Vimianzo Tenis de Mesa pecha a primeira volta da competición como líder do seu grupo, mantendo ademais a condición de invicto. A próxima fin de semana o equipo descansará, pero fárao coa tranquilidade de ocupar a primeira posición da táboa.

Os vimianceses en Sigüeiro.

A actividade do club non rematou aí, xa que o domingo pola tarde varios xogadores do VTM desprazáronse ata Sigüeiro para participar na cuarta xornada da Liga Malov TM, unha competición mensual na que se dan cita xogadores de toda a comunidade galega, contribuíndo así á promoción e ao crecemento do tenis de mesa.

Un inicio de ano prometedor para o conxunto vimianxés, que continúa firme no seu obxectivo de seguir loitando polos postos máis altos da clasificación.

 

.

-Foto e información : Paco Paz

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies