TENIS DE MESA . “O Vimianzo TM segue colleitando vitorias na Primeira División Galega.”

O Vimianzo Tenis de Mesa continúa demostrando o seu gran momento de forma na Primeira División Galega tras sumar unha nova e contundente vitoria na última xornada de liga.

O conxunto da Costa da Morte desprazouse ata A Coruña o pasado sábado para enfrontarse á RSD Hípica nun encontro que, a priori, se agardaba moi igualado. Non en van, na primeira volta disputada en Vimianzo, os locais impuxéranse por un axustado 3-2. Porén, nesta ocasión o guión foi totalmente distinto.

O VTM Pinturas Figueiras dominou o encontro de principio a fin, acadando un claro triunfo por 0-5, sen dar opcións ao rival. Unha actuación sólida e moi completa de todo o equipo, que confirma o excelente nivel competitivo que están a amosar nesta tempada.

Polo conxunto coruñés aliñaron Agustín, Pablo e Sánchez, mentres que polo VTM participaron Nico Paz, Julio, Paco Paz e Budi, sendo todos eles protagonistas dunha vitoria de gran mérito.

Con este resultado, o equipo de Vimianzo mantense como líder do seu grupo cando restan tan só catro xornadas para o final da liga, consolidando así a súa candidatura a rematar na primeira posición.


Clasificación 

O VTM Pinturas Figueiras encabeza a táboa con 39 puntos, tras gañar 10 dos 11 encontros disputados.

Na segunda posición sitúase Oroso Ríos Sangiao con 32 puntos, seguido moi de preto por Conxo TM Academia Postal con 31.

Xa máis afastados aparecen Breogán Oleiros Promesas e AD Zas Axiña Telecom, ambos con 26 puntos.

Na zona media está a RSD Hípica con 23 puntos.

Pechan a clasificación o Club Tenis de Mesa Coruña A e o outro equipo costeiro o AD Zas O Pinar, os dous con 19 puntos.

.

-Foto e información : Paco Paz

-Texto : Xosé Búa “Pirata”