TENIS DE MESA : “O Vimianzo TM caeu por un axustado 4-3 ante o CTM Gam nun encontro de catro horas de duración e xa pensa na fin de semana”.

O VTM Pinturas Figueiras, (na foto da portada os de azul), non puido sumar unha nova vitoria na segunda xornada da Terceira División Nacional de tenis de mesa, tras caer por un axustado 4-3 ante o CTM Gam nun encontro disputado en Meaño (Pontevedra). A igualdade marcou un partido moi esixente, de catro horas de duración, no que o conxunto soneirán tivo que facer fronte a numerosas adversidades.

O equipo do Vimianzo TM, formado por Julio, Nico, Roi e Paco, chegou á cita condicionado por un cúmulo de contratempos durante a semana previa, o propio día do encontro e mesmo ao longo da competición, circunstancias que lle impediron competir en igualdade de condicións ante o conxunto das Rías Baixas.

Malia as dificultades, o VTM comezou o encontro da mellor maneira posible, adiantándose no marcador cun 0-2 que facía soñar cun resultado favorable. Pero o CTM Gam reaccionou e conseguiu darlle a volta ao marcador ata colocarse cun 3-2 ao seu favor.

Lonxe de renderse, os de Vimianzo volveron demostrar o seu carácter competitivo e lograron igualar a contenda (3-3), levando o desenlace ao partido de desempate. Finalmente, a vitoria quedou na casa, cun definitivo 4-3 para o CTM Gam, nun choque moi igualado no que os pequenos detalles acabaron sendo determinantes.

A pesar da derrota, o VTM Pinturas Figueiras deixou mostra da súa capacidade de loita nunha xornada marcada polas dificultades e buscará resarcirse na próxima fin de semana, na que afrontará unha dobre cita como local.

Dobre xornada de tenis de mesa no IES Terra de Soneira

O pavillón do IES Terra de Soneira, en Vimianzo, será o escenario de dous encontros nos que o club da Costa da Morte buscará o apoio da afección para continuar coa competición nas dúas categorías.

A primeira cita será o sábado 31 de outubro, ás 17.00 horas, correspondente á Terceira División Nacional, na que o VTM Pinturas Figueiras recibirá o Arteal de Santiago.

Ademais, o Vimianzo TM tamén disputará o seu compromiso na Segunda División Galega fronte ao Breogán Oleiros Bastiagueiro, tamén a mesma hora no mesmo escenario.

Dúas oportunidades para gozar do tenis de mesa en Vimianzo e arroupar os equipos do club nunha fin de semana de intensa actividade deportiva. O apoio da afección será fundamental para que os xogadores poidan afrontar estes novos retos coa máxima ilusión e ambición.

–

-Foto e información : Paco Paz

-Texto : Xosé Búa “Pirata”