O VTM Pinturas Figueiras volveu demostrar carácter competitivo e capacidade de superación na Primeira División do tenis de mesa galego. O conxunto soneirán impúxose por 3-2 á SD Hípica da Coruña nun duelo moi esixente, no que tivo que levantar un 0-2 inicial ante a experiencia dos xogadores coruñeses.
O encontro, disputado baixo a arbitraxe de Jonathan Lavandería, comezou costa arriba para os locais. A SD Hípica, con Pablo, Sánchez e Curro, aproveitou a súa veteranía para adiantarse no marcador e poñer contra as cordas ao Vimianzo. Porén, lonxe de baixaren os brazos, os xogadores do VTM —Julio, Budi e Paco Paz— responderon cunha remontada sólida, deixando patente o bo momento de forma do equipo.
Co triunfo, o Vimianzo TM mantense nos postos altos e continúa consolidándose como un dos conxuntos máis regulares da categoría.
A próxima fin de semana tocará un dos desafíos máis duros do curso: o desprazamento a Sigüeiro para medirse ao Oroso Ríos Sangiao, líder invicto e único equipo, xunto cos soneiráns, capaz de contar todos os seus partidos por vitorias.
O duelo promete ser unha auténtica proba de lume para o VTM, que chega con confianza e co obxectivo de prolongar esta magnífica xeira.
-Foto : Paco Paz
-Texto : Xosé Búa “Pirata”