TENIS DE MESA : “O Vimianzo TM asalta Bastiagueiro e mantén o liderado na 1ª Galega Centro”.

O Vimianzo TM continúa coa súa excelente traxectoria neste inicio de tempada e sumou unha nova vitoria a domicilio no Pavillón de Bastiagueiro (Oleiros) ante o Breogán Oleiros Promesas, nun encontro intenso e de moita calidade por parte de ambos conxuntos costeiros e coruñeses.

Os de Vimianzo impuxéronse por 2-3, nun choque no que volveron amosar a súa solidez colectiva e a boa forma dos seus xogadores máis experimentados. A igualdade marcou os primeiros puntos, pero o equipo visitante foi quen de desequilibrar nos momentos decisivos, confirmando a súa fortaleza tanto no xogo defensivo como nas accións de ataque.

Con este triunfo, o Vimianzo TM mantén o liderado da 1ª Galega Centro con 7 puntos en dúas xornadas, sendo un dos dous equipos que contan os seus partidos por vitorias.

Pola súa parte, o AD Zas Axiña Telecom, o outro representante da Costa da Morte na categoría, tamén comezou con forza e figura na parte alta da táboa con 4 puntos, tras un debut solvente e prometedor.

A competición presenta así un panorama esperanzador para o tenis de mesa costeiro, con dous equipos demostrando o seu nivel nunha liga cada vez máis competitiva.

-Foto : Paco Paz

-Texto : Xosé Búa “Pirata”