O VTM Pinturas Figueiras asinou unha actuación moi sólida para superar por un claro 5-0 ao Breogán Oleiros Promesas nun encontro correspondente á 1ª División Galega de tenis de mesa. Un triunfo sen discusións que permite aos de Vimianzo manterse, unha xornada máis, como líderes do grupo.
Chegaban os visitantes a Vimianzo situados na terceira posición da clasificación e todo facía indicar un duelo equilibrado, semellante ao da primeira volta, que se decidira por un axustado 2-3 a favor do VTM. Porén, a realidade foi ben distinta. O conxunto local impuxo o seu ritmo dende o primeiro punto e resolveu o partido de maneira cómoda e rápida.
Os xogadores vimianceses mostraron unha gran seguridade no xogo, sen dar opcións a un Breogán Oleiros que apenas puido entrar no encontro. Julio, Nico Paz, Paco Paz e Budi foron protagonistas dunha tarde perfecta, na que o equipo da Costa da Morte confirmou o seu excelente momento de forma.
Con este resultado, o VTM Pinturas Figueiras continúa encabezando a clasificación, consolidando a súa posición privilexiada nun grupo no que varios equipos da comarca están implicados e no que cada xornada resulta clave.
Un novo paso adiante dun VTM que segue demostrando que é un dos conxuntos máis fortes da categoría e que aspira a pelexar ata o final polos postos máis altos da táboa.
O AD Zas na 5ª e 8ª praza
O AD Zas que compite con dous equipos nesta categoría ocupa a 5ª praza co AD Zas Axiña Telecom e a 8ª co AD Zas O Pinar.
.
–Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto e información : Paco Paz
