Só o baixón físico do Negreira lle deu ás a Real Sociedad que acabou mandando, nun día de festa en Negreira.

SD Negreira 0-3 Real Sociedad

A noite de Copa no campo nicrariense foi moito máis ca un partido: foi unha auténtica festa do fútbol galego. Máis de 3.200 afeccionados, chegados non só de Negreira senón tamén de toda a bisbarra e da Costa da Morte, deron un exemplo de paixón e entrega, animando baixo unha por veces intensa chuvia a un equipo que o deu todo diante dun rival de Primeira División.

Os primeiros 250 seareiros foron agasallados cunha camiseta vermella conmemorativa, nun xesto do club que fixo medrar o sentimento de orgullo e pertenza nun día histórico.

O SD Negreira xogou sen complexos, e houbo fases, especialmente no final da primeira metade e inicio da segunda, nas que chegou a acurralar a toda unha Real Sociedad que viña con nomes de nivel internacional. Faltou o gol, ese premio que merecía unha afección que non deixou de cantar nin un instante, pero sobrou orgullo e dignidade nun conxunto que competiu de ti a ti ata que as forzas dixeron, abondo.

O 0-3 final reflicte máis a diferenza física e de categoría ca o que realmente se viu no terreo de xogo. A Real, que chegou a rematar o partido con cinco titulares ata coa entrada de Oyarzabal, acabou impoñendo a súa calidade, pero o Negreira saíu gañando no corazón dos seus.

Foi, sen dúbida, unha das noites máis grandes da historia do club, na que o resultado pasou a un segundo plano fronte ao espectáculo, a entrega e a ilusión dunha parroquia que viviu o soño de medir forzas con todo un equipo da elite.

O García Calvo viviu unha desas xornadas que quedan gravadas na memoria colectiva. Bandeiras vermellas e azuis, cánticos baixo a choiva, nenos e maiores desfrutando da festa do fútbol e, sobre todo, un equipo entregado a un soño.

A afección empurrou dende o primeiro minuto e a ovación final, co equipo xa derrotado pero coa cabeza alta, foi a mellor mostra de que o Negreira tamén gañou a súa copa.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”