Explosión de cultura en Muxía cunha
semana repleta de música, obradoiros e
actividades para toda a familia
● Este luns comezou a ‘Week Muxía Cultura Urbana’, unha cita que se
estenderá ata o domingo 15 de agosto e que inclúe unha pista de water
slide, skatebording e moitos outros talleres no Paseo Marítimo.
● A programación tamén comprende presentacións literarias dos autores
Xurxo Lobato, Felipe Senén e Fernando Patricio Cortizo, un obradoiro
creativo con Teresa Búa, un concerto a cargo da banda Néboa e o
espectáculo teatral ‘Cartoons’.
● O alcalde, Iago Toba, destacou “o amplo abano de entretemento do que
poderá desfrutar a veciñanza nestes días, con citas que seguen a situar a
Muxía como municipio referente en programación cultural”.
Muxía vivirá unha nova explosión de cultura esta
semana dentro da programación cultural do mes de agosto. Entre as actividades
das que poderán gozar as e os muxiáns están varios obradoiros de arte urbano,
presentacións literarias, teatro, arte e música en vivo.
Este luns 9 de agosto comezou a ‘Week Muxía Cultura Urbana’, na que se encadran
unha serie de citas nas que a veciñanza máis nova se poderá achegar a artes como
o skateboarding ou o graffiti. Aproveitando as boas previsións meteorolóxicas, as
actividades desenvolveranse a partir das 17:00 horas no Paseo Marítimo ata o
domingo 15.
O mércores 11 de agosto será a quenda da presentación do libro ‘Galicia é unha
festa’ cos autores Xurxo Lobato e Felipe Senén. O evento terá lugar no Salón de
Actos do Voluntariado ás 20:30 horas.
Non será a única exposición literaria da semana, posto que Fernando Patricio
Cortizo presentará a súa obra ‘O mergullador Atlántico’ o xoves 12. Neste caso, a
cita será na zona de terrazas do Paseo Marítimo a partir das 13:00 horas.
O xoves será un dos días con maior oferta de ocio no municipio. Entre as 16:00 e as
20:00 horas, as e os muxiáns poderán gozar dunha water slide no Paseo Marítimo
coa que refrescarse e divertirse con total seguridade.
Paralelamente, o Santuario da Barca acollerá a partir das 17:00 horas a
performance ‘O encaixe que camiña’ de Teresa Búa, un proceso creativo aberto ao
público e que culminará cunha actuación final ás 20:30 horas. O resultado estará
exposto na Casa das Beiras ata o venres 13 de agosto.
Recta final da semana con música, teatro e obradoiros urbanos
En canto aos tres últimos días da semana, o venres a banda Néboa fará vibrar á
veciñanza cun concerto no adro do Santuario da Barca desde as 20:00 horas. Esta
cita inclúese dentro do ciclo ‘Portas do Camiño, Portas da Cultura’ da Xunta de
Galicia.
A tarde do sábado contará con outro espectáculo de entidade, neste caso no Paseo
Marítimo e con entrada libre. Producións Teatrais Excéntricas chega con ‘Cartoons’,
unha sesión de teatro para toda a familia a cargo de Vítor Mosqueira e Josito Porto
a partir das 20:00 horas.
A ‘Week Muxía Cultura Urbana’ pecharase o domingo con dous novos obradoiros de
skateboarding e graffiti que comezarán ás 17:00 horas. Será o punto e final da
segunda semana cultural de agosto en Muxía, que segue a completar actuacións de
alto nivel e un grande seguimento por parte de toda a veciñanza.
Neste sentido, o alcalde muxián, Iago Toba, destacou “o amplo abano de
entretemento do que poderá desfrutar a veciñanza nestes días, con citas que
seguen a situar a Muxía como municipio referente en programación cultural”.
Toba agradeceu tamén “o apoio da xente do pobo e de todas as persoas que nos
visitan na época estival, que nos seguen a dar folgos para traballar polo ben do
municipio incluso nunha situación sanitaria tan complicada como a que estamos a
vivir”.
-Foto : piratasdemuxia
-Texto : Departamento de prensa Concello de Muxía