SD EIBAR 2-4 DEPORTIVO FEMININO : “CURA DE MORAL DAS DEPORTIVISTAS CON REMONTADA EN EIBAR”.

Peke fixo dous dos goles deportivistas.

 

SD Eibar 2-4 Deportivo Feminino

Nunha fría e chuviosa mañá de inverno e nun campo de céspede artificial buscaba o Dépor ABANCA materializar en competición as sensacións logradas no partido amigable de hai unha semana en Abegondo: a sensación dos goles e do triunfo que até este momento resistíase nesta edición de Primera Iberdrola.

E non podía empezar mellor o partido para o Dépor ABANCA ao aproveitar a posesión inicial do saque de centro para trenzar a primeira xogada en ataque e rematala cun servizo atrás para que Peke anotase gol na primeira acción do partido, pondo en vantaxe ao equipo con todo o choque por diante.

Pasado o minuto 5 a punto estivo o Dépor ABANCA de ampliar distancias cun disparo de Alba ao traveseiro da portería defendida pola exdeportivista Malena Mieres. O Eibar comezou a buscar a partir de aí o empate con chegadas a balón parado como unha falta ou un corner que non inquietaron a Noelia. Pero á terceira si foi a vencida cando Sara Navarro foi capaz de aproveitar un balón desde o costado de Thembi para pór o 1-1.

As locais adiantáronse no marcador, espertando as pantasmas da temporada, aproveitando unha rápida contra á saída dun córner favorable ao Dépor ABANCA. A encargada de rematar o ataque foi Arola Aparicio, que puxo en vantaxe ás armeiras cando se cumpría o minuto 20 de partido.

Gaby tivo nas súas botas camiño do 35 recuperar a igualdade no marcador, pero a asistencia de Athenea desde liña de fondo non atopou portería co remate alto da dianteira venezolana. Alta foise tamén a falta lanzada a continuación polo Eibar sobre a portería de Noelia.

A última antes do descanso tívoa Alba que recibiu a deixada de Peke na frontal pero non conseguiu encontar portería co seu disparo.

A segunda parte puido empezar como a primeira cunha contra conducida desde área propia e na que, no man a man, Peke concluíu enviando lixeiramente desviado sobre a portería de Malena.

O Eibar respondeu cunha acción por banda, nun centro que se paseou pola área ata que Noelia fíxose co control do balón. Athenea puxo en apretos a Malena, que en dous tempos conseguiu atallar o disparo da cántabra. Como o Eibar ao comezo de partido, á terceira oportunidade da segunda parte tamén foi o vencida, pero neste caso para As Nosas cun centro de Cris que rematou de cabeza Gaby para pór de novo as táboas.

Outra vez Peke puxo por diante ao equipo ao asinar o terceiro nunha rápida xogada na que non perdoou o balón servido dentro da área co que, por segunda vez, cambiaba o rumbo do partido con media hora aínda por diante. Camiño precisamente dos trinta minutos da segunda abriu brecha o Dépor ABANCA grazas ao penalti sobre Athenea transformado por Alba Merino no 2-4 que encarrilaba o primeiro triunfo branquiazul.

Alba estivo de novo a piques de marcar a dez minutos do final nun lanzamento lixeiramente desviado, e no 87, após o primeiro cambio deportivista, Noe tivo que atallar o disparo de Rodríguez que foi, xunto a un disparo ao pau no desconto, o máis inquietante dun desenlace até hoxe descoñecido para o Dépor ABANCA: o de materializar un triunfo para sumar o tres primeiros puntos da temporada e armarse de moral en Eibar para o que vén por diante.

 

 

 

SD Eibar: Malena, Queralt, Aizpurua (Rodríguez, min. 87), Llompart, Aida (Campos, min. 75), Gantxegi, Mar (Ruth, min. 75), Thembi, Arola, Navarro (Jujuba, min. 65) e Sheila (Arene, min. 45).

Dépor ABANCA: Noelia, Cris, Ainoa, Blanco, Villegas, Iris, Alba, Arbeláez, Gaby, Athenea (Michelle, min. 87) e Peke (Helena, min. 90+2).

Goles: 0-1 Peke (min. 1); 1-1 Navarro (min. 10); 2-1 Arola (min. 20); 2-2 Gaby (min. 55); 2-3 Peke (min. 62); 2-4 Alba -p- (min. 72).

Árbitra: Sánchez Miguel (c. catalán). Amoestou a: Iris (min. 29); Sheila (min 30); Arene (min. 47); Athenea (min. 57); Mar (min. 68); Branco (min. 77)

Incidencias: partido da 10ª xornada de Primera Iberdrola disputado no campo 5 do complexo deportivo de Unbe a porta pechada.

-Fotos e Crónica : RC Deportivo