O CF Muxía Feminino continúa reforzando o seu cadro de xogadoras de cara á histórica tempada 2026/27, na que competirá por primeira vez na Primeira Galega Feminina (Grupo 1). Tras anunciar a pasada semana a chegada da nova adestradora, a corcubionesa Ana Rodríguez, e onte a incorporación da defensa mazariquense Claudia González, procedente do Orillamar SD, o club da Vila da Barca confirmou agora a fichaxe da centrocampista Saray Duarte.
Natural de Baiñas e nacida no ano 2005, Saray chega procedente da UC Cee, aínda que tamén é unha xogadora moi coñecida por varias das integrantes do vestiario muxián, xa que comparte equipo con elas no Fisober FSF.
O club destaca que se trata dunha futbolista de gran calidade técnica, chamada a reforzar a medular do equipo.
No comunicado oficial, a entidade sinala:
“Natural de Baiñas e nada no 2005, Saray incorpórase ao noso equipo procedente da UC Cee para reforzar o centro do campo. Centrocampista de gran calidade técnica, destaca pola súa habilidade co balón, a súa visión de xogo e a súa capacidade para marcar o ritmo dos partidos. Estamos moi felices de contar contigo nesta nova etapa. Moita sorte e benvida á familia!”
A incorporación de Saray Duarte supón un importante reforzo para o centro do campo do conxunto muxián, que segue confeccionando un plantel competitivo para afrontar con garantías o reto da Primeira Galega. Ademais da súa calidade futbolística, a súa integración espérase que sexa rápida grazas ao coñecemento previo que ten de varias das súas novas compañeiras, coas que xa comparte vestiario no fútbol sala.
O CF Muxía Feminino continúa así dando pasos firmes na planificación dunha campaña ilusionante, na que buscará consolidarse na categoría tras un curso inesquecible que rematou co ascenso como campioas da Segunda Galega.
–
AVISO IMPORTANTE
“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os orgañizadors, clubes, afeccionados, socios, etc…nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos, para evitar o de que se poñemos uns e outros non.
Podedes mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.
–
-Foto e información : Prensa CF Muxía
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto : Marina Busto
