Mulattieri chama á unión antes do exame ante o Racing en Riazor
O Deportivo xa ten a mente posta no duelo importantísimo do vindeiro domingo ás 21:00 horas en Riazor, onde recibirá ao Racing de Santander, actual líder da categoría, nun encontro clave para medir as aspiracións do equipo nesta segunda volta. Tras o empate logrado en Almería, Samuele Mulattieri puxo voz ao sentir do vestiario, destacando o esforzo colectivo e a necesidade de manter a liña de traballo.
O dianteiro italiano valorou positivamente o último compromiso, subliñando a capacidade do equipo para competir ata o final: «Foi un bo partido, o importante é que loitamos ata o final. Agora pensamos xa no partido contra o Racing». Un encontro no que tamén volveu ver porta, aínda que Mulattieri restou protagonismo ao gol para poñer o foco no grupo: «Está ben marcar, pero o importante é que todo o equipo loite xunto para alcanzar os obxectivos».
Consciente da importancia do choque ante o líder, o atacante branquiazul non agocha que será unha auténtica proba de nivel: «É un partido importante. Temos que prepararnos o mellor posible, intentar gañar e ofrecer boas prestacións». O italiano recoñece o potencial do rival, pero insiste na necesidade de competir como bloque: «É un equipo moi forte, van primeiros e xogan moi ben coa pelota. Temos que loitar xuntos, intentar marcar e facer un bo partido».
Mulattieri tamén fixo referencia ao ambiente que se espera en Riazor, un factor que considera clave: «Gústame moito, aquí a afección é incrible. Cada vez que xogamos en Riazor o ambiente é moi bo». Un apoio que o equipo quere aproveitar para dar un paso adiante na clasificación.
De cara ao que resta de tempada, o dianteiro ten claro o camiño a seguir: «A miña expectativa é que tanto eu como o equipo intentemos ser o mellor posible. Adestrar forte, xogar forte e facer o que queira o míster». Sen entrar en debates sobre minutos, Mulattieri insiste no traballo diario como única receita: «O que podo facer é adestrar sempre ben e, se teño a oportunidade de xogar, facelo o mellor posible».
Cómodo xogando tanto en solitario como acompañado no ataque, o italiano destacou o bo nivel e a competencia interna: «Somos un equipo con xogadores moi fortes en todas as posicións», ao tempo que puxo en valor o ambiente do grupo: «O vestiario está ben, adestramos xuntos e pensamos no partido que vén».
O Depor prepara así, con confianza e ambición, unha das citas máis esixentes da tempada, coa intención de facer de Riazor un fortín e demostrar que está preparado para competir cos mellores.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo