En tódolos pobos i en tódolos oficios hai palabras que non aparecen no diccionario da Real Academia da Lingua Galega, ou mesmamente como somos bilingües no da Española.
Son moitos os que me teñen preguntado que é un “xaramiño” o ver o grupo folk muxián, “Xaramiños do Corpiño”. Os que non saben o significado desta palabra pensan que é como se fosen habitantes dunha poboación, ou diversas conxeturas de que fose unha palabra cariñosa referente a alguén, pero non.
Un “xaramiño” é, ou podemos dicir son, as irisacións que se forman na flor da auga, por mor de ráfagas de vento, e que andan dun lado a outro en diferentes direccións e ata chocando antre si, coma se espíritos ou pantasmas invisibles arrastrasen a sua sábana por encima da auga. Pasan en zonas abrigadas e nas que o vento ao rebotar contra un muelle, muro, pedra, barco, etcc sae contra o a dirección do vento.
No caso do vídeo, por barlovento do dique de abrigo do porto de Muxía sopra forte o nordés, (NE), namentras que na parte de sotavento fai abrigo ou chega con menor intensidade o que fai que se produzan os xaramiños o vir o vento rebotado desde diferentes obstáculos.
Xaramiños en “Puertochico”, (Muxía).
Esta foi unha das palabras que recolleu fai uns anos a pintora i escultora, Viky Ribadulla nun traballo de investigación do falar en Muxía con esas palabras e frases típicas daquí chamado “Proxecto Buserana”, e así mesmo das que nos puxo en valor o mestre Xoan Babarro nos anos 70, primeiro correxidor de lingua da Xunta de Galicia e que recopilou moitas palabras auténticas de Muxía e da zona que para él que viña de terras lucenses descoñecía.
Ademáis de “xaramiño”, hai a variante “xaramiñada”, que se refire a que hai moitos xaramiños. E a expresión, “eres coma un xaramiño”, quer dicir que eres inquieto, que non tes parado, que andas seguido dun lado para outro, coma o Grupo Folk “Xaramiños do Corpiño”, andan sempre en bulina, ou o que é o mesmo, dun lado para outro. Para os que non o sabedes o Corpiño é o monte que culmina a península muxiana.
-Foto, vídeo e texto : Xosé Búa “Pirata”