SABÍAS QUE?…”A HERBA DE NAMORAR TEN PROPIEDADES MÁXICAS”.

Na nosa web non todo é fútbol e deportes variados, tamén damos cabida de cando en vez a temas de ocio e cultura. Imos a recuperar o noso “Sabías que…”, que facíamos acotío nos primeiros anos da web e que nos vale para desvelar cousas que non todo o mundo sabe.

Hoxe traemos unha pranta con flor da nosa costa e que nos une coas zonas de clima similar doutros paises de Europa coma Portugal, Francia, Irlanda ou as Illas Británicas.

A “Pranta de namorar”, tamén coñecida en Muxía polos nosos antergos como “Pranta do lagarto”, polo que lles gusta a estes animais estar sobre ela ao sol, camuflados coa ventaxe da cor verde e estar antre as flores para non ser vistos polo depredadores alados.

A Pranta de namorar é unha planta protexiada e que se atopa nos lugares máis expostos aos temporais, salitre, calor, frío, vento, chuvia forte…Podemos vela nas puntas e cabos da nosa costa, incluso nos cantís. 

O seu nome científico é “Armeria Marítima”, que en Galicia ten 3 variedades a segundo sexa se crece nos cantís, nas dunas ou a que está nos montes próximos a costa. Forma unha cúpula verde de follas puntiagudas das que sobresaen uns tallos de arredor dos 10 cms culminados cunhas pequenas flores formando unha semibola que pode ir desde a cor branca ata a tonalidade rosa, pasando pola cor granate e lila. A planta tamén forma unha cúpula, (coma un casco militar de combate), pero adoita a unirse a outras plantas facendo antre varias un manto de arredor aos 10-15 cms de alto coroado cun “bosque” de flores.

 

Unha flor de efectos máxicos

A esta flor atribúenselle en Galicia desde tempos inmemoriais poderes máxicos, pois o seu nome “Pranta de namorar”, ven dada a creenza de que se lle metías na faltriqueira, (ou bolsillo), unha flor desta pranta quedaría prendada de amor por ti, e mesmamente se o facías baixo a traveseira da sua cama. 

Nalgúns lugares de Galicia tamén toma a nome de “Herba empreñadoia”, polo que as pautas eran as mesmas, só que para potenciar a fecundidade. E na tradición oral tamén se di que é boa contra a obesidade.

A sua nomenclatura

Segundo as zonas recibe diversos nomes, como vos decíamos en Muxía é “Pranta de namorar” ou “Pranta do lagarto”, e logo en diferentes sitos chámase :  caravel mariño, carqueixa mariña, cravo mariño, herba de namorar, herba empreñadeira, herba empreñadoira, herba namoradeira, herba namoreira.

Estas das fotos son na Punta da Barca onde había en abundancia e hoxe en día menos. A pesares de que hai algunha xente, da moita que visita a punta muxiana, que a colle para levar para as suas casas, esta é unha pranta protexida polo que non se pode coller. 

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies