Eu sou dos que prefiro a un adestrador galego no Depor antes ca calquera de fora. Nesta desidia de ter que aguantar o “orador” fracasando encontro tras encontro pensaba e dicía antre os amigos deportivistas que quen me dera no banco a Óscar Gilsánz, ou a José Luis Lemos, por nomear algún, pois nunca pensaba no retorno de Rubén de la Barrera, tal e como o chimparon, ou o meu admirado Fernando Vázquez, pero a vida amosa que nada é imposible, (como nos ensinou Xoan Babarro), todo é improbable.
As circunstancias fixeron que De la Barrera voltase o Depor, (incrible), e agora é unha felicidade oir a sua primeira rolda de prensa e contestar en galego cando lle preguntan en galego, obrigar aos da prensa coruñesa, que non se dan conta que a Coruña e o Deportivo está feito do sentimento de xente de Muxía, Corme, Camelle, Vilalba, As Pontes, etc, etc, etc, que falan e sinten en galego, e traducen o que fala o castrapo, o cal non desprezo, pero si que eles desprezan o noso idioma. Hai que ter en conta que segundo o Instituto Nacional de Estatística un 45% dos galegos son do Deportivo, e a maioría somos de vilas, ou “aldeas” como din de maneira despetiva nas cidades.
Rubén de la Barrera ten un vínculo moi grande ca Costa da Morte pois as suas orixes están en Camelle. O seu avó, Tucho De la Barrera era un camellán que se foi a Coruña na procura de novos horizontes e consigueuno. O seu pai era naqueles anos o mestre de Camelle. Nunca esqueceu a sua terra natal, tanto que cando finou quixo que as suas cinzas se esparcesen na enseada camellana, como así ocurreu. No muelle camellán hai unha placa en lembraza de Tucho, así coma que está presente no Museo de Mann, xa que eran mi amigos.
Tampouco o seu neto se esqueceu de onde ven e no 2018 cando comezou a despuntar na Cultural Leonesa, a cal levou a 2ª División, colaborou nunha campaña da Asociación “A Pergoliña”, de Camelle, nunha campaña solidaria que se fixo para a familia do tristemente desaparecido, José Secundino, (moi querido polas xentes da vila e que nos deixou moi pronto), e mandou para esa campaña un balón asinado, que entregaron en persoa os seus familiares. O seu avó que chegou a ser un gran empresario da hostalaría nunca se esqueceu das suas raices, e agora Camelle alégrase de que o seu neto volva o Depor, como nos alegramos tódolos que temos un sentimento galego, e de que o noso clube, e o da maioría dos galegos teña de patrón a un dos nosos.
A avoa de Rubén e os seus pais o día da entrega do balón asinado para a axuda na causa de Secundino a Asociación A Pergoliña.
-Foto : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”