O Deportivo ABANCA abriu unha nova etapa coa presentación oficial de Alberto Rodríguez como adestrador do primeiro equipo. O técnico arteixán compareceu este martes acompañado polo coordinador da sección feminina, Kevin Cabado, para explicar as primeiras liñas do proxecto que liderará na súa estrea á fronte do conxunto branquiazul na Liga F.
Alberto mostrouse “tremendamente ilusionado” por asumir o reto de adestrar ao equipo da súa cidade, aínda que recoñeceu que tamén sente a responsabilidade que supón dirixir un club como o Deportivo.
“É un orgullo enorme estar aquí. Hai responsabilidade, porque sabemos perfectamente o que representa este escudo, pero tamén quero desfrutar desta oportunidade”, asegurou.
Un proxecto para seguir medrando
O novo adestrador evitou marcar obxectivos clasificatorios antes de comezar a competición. Para Rodríguez, o importante nestes primeiros meses será coñecer en profundidade ás xogadoras e construír unha identidade de equipo.
Segundo explicou, o corpo técnico está centrado en descubrir todas as posibilidades que ofrece o actual cadro de persoal, tanto a nivel individual como colectivo, para definir un modelo de xogo que permita ao Dépor seguir evolucionando.
“Poñerse agora un obxectivo numérico sería limitar o equipo. Primeiro queremos coñecer todo o potencial que temos e, a partir de aí, crecer”, sinalou.
O sistema importa menos que a idea
Preguntado polo esquema táctico, Alberto Rodríguez deixou claro que non é un adestrador condicionado polos debuxos sobre o papel.
Na súa opinión, o fútbol moderno obriga a adaptarse continuamente ao rival e ás diferentes situacións que se producen durante os partidos, polo que considera máis importante a interpretación do xogo que a distribución inicial das futbolistas.
“O importante non é o sistema, senón o que o equipo é capaz de facer dentro del. O fútbol cambia constantemente e temos que ser capaces de controlar todas esas situacións”, explicou.
Confianza nun grupo novo, pero con experiencia
O técnico tamén fixo balance da confección da plantilla, destacando a aposta do club por rexuvenecer o equipo sen perder competitividade.
Lembrou que moitas das xogadoras que acadaron o ascenso apenas tiñan experiencia na máxima categoría e, con todo, foron quen de asegurar a permanencia na Liga F na pasada campaña.
Agora, considera que o Deportivo conta cun bloque novo pero preparado para seguir dando pasos adiante.
“Temos talento moi novo, pero tamén futbolistas que xa saben perfectamente o que é competir nesta categoría. Incluso, se todo vai segundo o previsto, contaremos con varias internacionais absolutas”, apuntou.
Renovación tras o final dun ciclo
Sobre os cambios vividos no vestiario este verán, Alberto Rodríguez explicou que algunhas saídas responden simplemente ao remate dunha etapa.
Agradeceu o compromiso das futbolistas que deixan o club despois de varios anos e lembrou que, nalgúns casos, o Deportivo mesmo lles ofreceu continuar.
Entre as baixas referiuse tamén á de Ainhoa Marín, asegurando que existía un compromiso para facilitar a súa marcha se así o consideraba oportuno.
“É unha xogadora moi especial para o club e só podemos desexarlle a maior das sortes na súa nova etapa”, comentou.
A portería, prioridade no mercado
En canto ao capítulo de incorporacións, tanto Alberto Rodríguez como Kevin Cabado recoñeceron que o mercado continúa aberto e que aínda quedan moitas semanas por diante para completar o persoal.
A prioridade pasa por reforzar a portería, aínda que polo momento o club mantén toda a confianza nas gardametas que xa están traballando durante a pretempada, á espera da chegada das futbolistas internacionais.
Tamén foi preguntado polo posible regreso de Inês Pereira, unha porteira que deixou un gran recordo en Abegondo.
Rodríguez non ocultou que é unha futbolista do agrado da entidade e lembrou o excelente nivel que amosou durante a súa etapa como deportivista, aínda que tamén deixou claro que pertence ao Everton e que a súa situación non depende exclusivamente do Deportivo.
Primeiros días de moito traballo
Pola súa banda, Kevin Cabado explicou que a planificación da chegada de Alberto Rodríguez levaba tempo preparándose e destacou a boa sintonía existente entre o técnico e o club desde o primeiro momento.
O coordinador da sección feminina asegurou que agora o principal obxectivo é seguir avaliando o rendemento do equipo nos encontros de preparación antes de tomar novas decisións no mercado.
A nova etapa do Dépor ABANCA xa está en marcha, cun proxecto que aposta pola mocidade, a canteira e o crecemento sostido para consolidarse entre os equipos importantes da Liga F.
-No vídeo que acompaña esta información pódense escoitar ao completo as declaracións de Alberto Rodríguez e Kevin Cabado durante a súa presentación oficial en Abegondo.
–
-Vídeo : RC Deportivo
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”
–
