Raúl Carnero foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor no retorno do futbolista coruñés ao Club da súa vida. Chega cedido unha temporada polo Real Valladolid: “Foi a fórmula que se puido conseguir para que puidese chegar aquí. Houbo que facer unha ampliación alí de contrato e saír un ano aquí cedido. Foi a fórmula que ambos os clubs conseguiron para que eu puidese chegar. Eu encantado, porque o que quería era vir”, explicou.
Após posar no campo principal de Abegondo coa camiseta Galicia Azul acompañado polo Presidente Antonio Couceiro, mostrouse ante os medios de comunicación “moi feliz porque son moitos anos, moitos equipos nos que estiven, moitas cidades, quilómetros percorridos e ao final volver a casa, volver aos inicios é moi bonito, volver ao Club onde creciches como neno, onde che formaches é algo moi bonito. E cun obxectivo moi importante que espero axudar a cumprir e con moitas ganas”.
Lembra que “cando me fun estaba nunha etapa formativa. Necesitaba xa dar un salto de coller minutos en categorías profesionais. Como a todo xogador ou á gran maioría tócalle saír a coller experiencia, madurez, minutos. E así foi. Agora veño cunha ampla experiencia, coas mesmas ou quizais máis ganas que cando me fun de estar aquí, de gozar e de axudar ao equipo. Ese é o meu obxectivo”.
Non cre que esta volta á Coruña sexa sacarse unha espiña pero recoñece que “cando un sente ao Club e sente as cores sempre é máis especial, sempre gusta máis xogar aquí. Estou moi feliz porque se conseguiu, facer realidade esta volta. Eu creo que no día a día xa se me está vendo a felicidade que transmito”.
Admite que é un paso atrás na súa carreira pasar de Primeira División co Valladolid a Primera RFEF pero deixa claro que “o Depor non entende de categorías. Cando sentes o Club ao que vas desde neno a animar dáche un pouco igual no deportivo onde estea. Quero axudar. Quero devolver ao Dépor onde debe estar. Iso vai ser un obxectivo que teñamos que achegar todos, que ten que cumprir o equipo e entre todos conseguilo. En canto a ese sentimento de perder categorías deportivamente non o sinto así. Volvo a casa, volvo ao Club que amo e espero poder dalo todo para axudar a que volva onde merece”.
Como calquera membro de #ANOSAFORZA, “queres que o Dépor estea en Primera División, estea cos máis grandes, gozar aí. Cando sentes as cores animas en calquera campo e en calquera situación. Antes víao de lonxe e agora outra vez podo volver sentilo desde o céspede, tentar volver axudar e ter esa sensación, eses pelos de punta, esa pel de galiña de cando hai 11 anos ou 12 debutei en ABANCA-RIAZOR”.
Asegura que sempre se acorda “tanto do debut en Primera División contra o Atlético de Madrid como o meu primeiro partido en ABANCA-RIAZOR contra o Racing de Santander. Acórdome de todo e evidentemente do meu avó aínda máis”.
De feito, sente “ganas de volver pisalo (ABANCA-RIAZOR) aínda que sexa nalgún adestramento xa; pero agora estamos en etapa pretemporada, coa cabeza mentalizada en poñernos en forma, en coñecernos todos os que vimos novos cos que xa están, en integrarnos en conseguir que isto sexa unha piña para tirar para adiante todos”.
Após superar unha lesión de longa duración a temporada pasada recalca que “agora me atopo ben, pero con esa falta de forma típica de pretemporada. E en canto á lesión, téñoa esquecida. Foi unha lesión moi longa, pero que con moito traballo logrei sacar adiante. Agora o que me falta era iso, facer unha pretemporada co equipo. Entre a lesión, a pandemia levaba moito tempo sen facer pretemporada co equipo e é o que me falta para acabar de atoparme ben”.
Ve ao equipo “ben. Cada día imos avanzando en compenetrarnos máis, en coñecernos. É moi importante que saibamos, como o compañeiro que temos á beira, absolutamente todo, como xoga para axudarnos uns a outros. Cada día véxonos un pouco mellor, co traballo que estamos a facer. Estamos a facer sesións moi intensas para chegar o mellor posible ao comezo de liga. Ese é o camiño para que isto vaia ben”.
-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo