Pablo Valcarce Vidal (Ponferrada, León, 3 de febreiro de 1993) foi presentado como novo xogador do Dépor para as dúas próximas temporadas, até xuño de 2025.
En primeiro lugar, o atacante deportivista posou coa súa nova camiseta no campo principal da Cidade Deportiva acompañado por Fernando Soriano.
A continuación, na sala de prensa, o Director Deportivo do Club subliñou que “pode ocupar tanto as dúas bandas como detrás da punta, mesmo de punta”. Así mesmo, subliña o seu “gran pasado, sobre todo en Segunda División en equipos como a SD Ponferradina, Real Mallorca, CD Numancia, e Burgos CF”.
Pola súa banda, Pablo Valcarce, nos seus primeiros días, ten “boas sensacións. Cada vez estou máis convencido da decisión que tomei de vir á Coruña polo que supón este club. Estiven a ver na bancada o Deportivo – CF Rayo Majadahonda. Ver ABANCA-RIAZOR como estaba, 25.000 socios e o grupo que hai de boas persoas, bos profesionais, pois imos remar todos, a sumar ao proxecto que é o que conta”.
Explicou que con Fernando Soriano “falara semanas atrás. Mesmo a min e aos meus axentes xa me falaron do Deportivo en xullo. Os futbolistas temos opcións. Valoramos tamén o mellor para min e para a miña familia. A insistencia do Deportivo, compañeiros que tiven e aconselláronme, xogadores do cadro que coñecía tomei a decisión de vir ao Deportivo polo que supón, pola dimensión que ten, o reto e polo proxecto que é”.
Preguntado polo seu estado físico, lembra que os futbolistas “somos profesionais, disciplinados. Eu estiven adestrando, loxicamente non é o mesmo que adestrar en dinámica de grupo, pero atópome ben, fáltame esa rodaxe, eses días máis de rodaxe, esa dinámica co grupo, pero estou preparado para o que vén e para o que o míster decida”.
De feito, vese xa preparado para este sábado 2 de setembro en Lugo (21:30, FEF TV): “Se quere levarme, eu estou listo para o que el decida, así que cando queira el”.
Do mesmo xeito que Fernando Soriano, apunta que xogou “en banda dereita, banda esquerda, detrás do dianteiro, nalgunha ocasión de dianteiro centro sen ser unha demarcación para min, mesmo no centro do campo. Onde máis cómodo me sentín é detrás da punta, pero son un xogador competitivo, sacrificado, adáptome a calquera posición e a que ditamine o míster aí estou”.
Finalmente do encontro no Anxo Carro correspondente á 2ª xornada de liga, Pablo Valcarce cualifícao como “un partido máis, un partido importante para o Club e para nós. Aos poucos remar todos xuntos e non pensar a longo prazo, senón no presente, no día a día”.
-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo