ROLDA DE PRENSA PRESENTACIÓN DE LUCAS NOUBI : “O Deportivo é un club con historia en España e Europa, coñecido por todo o mundo”.

Lucas Noubi di que chega á Coruña con ilusión e ganas de medrar no Dépor

O defensa belga Lucas Noubi foi o primeiro en chegar e é o primeiro en pasar polas roldas de prensa de presentació. Sorprendeu gratamente o comezar a rolda de prensa en castelán, demostrando a súa vontade de integración desde o primeiro momento, tal como atestiguou Fernando Soriano, Director Deportivo do RC Deportivo.

Soriano, presentouno na sua entrada como un xogador versátil, con potencia física e bo trato co balón. Destacou a súa capacidade para adaptarse a diferentes posicións defensivas, tanto como central como en calquera das bandas, e subliñou que a súa incorporación non foi doada, xa que varios equipos estaban interesados en contar con el.

“Tiñamos a necesidade de reforzar esa posición pola marcha doutros xogadores. Levabamos tempo seguindo a Lucas. Viña a vernos, estivo en partidos, coñeceu a cidade e mostrou desde o principio interese real polo proxecto. Ademais das súas cualidades futbolísticas, chamou a atención a súa actitude e compromiso por aprender o idioma e integrarse no club”, explicou Soriano.

Un camiño longo tras un ano parado

Nunha etapa anterior marcada pola inactividade, Noubi estivo sen equipo tras non renovar o seu anterior contrato. Con todo, iso non impediu que seguise traballando duro por conta propia, tanto no campo como no ximnasio, cun único obxectivo: chegar preparado á súa próxima oportunidade.

“O ano pasado foi duro para min. Pasei de xogar moito a case nada. Pero iso axudoume a crecer mentalmente. Nunca deixei de adestrar porque sabía que ía ter unha nova oportunidade, e quería estar preparado. Agora síntome listo e con moitas ganas de comezar”, relatou o xogador.

Por que escolleu o Deportivo?

“Viñen á Coruña tres veces antes de asinar. As instalacións, a cidade, o ambiente… todo encantoume. Sabía que quería estar aquí. Cando me chegou a proposta non o dubidei. O Deportivo é un club con historia en España e Europa, coñecido por todo o mundo”, comentou Noubi.

Un xogador con carácter competitivo

“Considero que son rápido, agresivo e gústame xogar co balón e en equipo. Son unha persoa moi competitiva: quero gañar sempre e traballo duro para conseguilo”, afirmou, deixando claro o seu perfil loitador.

Integración exprés e eloxios ao equipo

A adaptación ao vestiario foi inmediata. Noubi destacou o bo ambiente e a benvida recibida polos seus novos compañeiros e corpo técnico.

“Sentinme moi ben acollido desde o primeiro día. O equipo ten moita calidade. Hai xogadores que destacan, como Yeremay, do que todos falan moi ben. Será un pracer compartir campo con el e co resto”, dixo con entusiasmo.

Flexibilidade táctica

Preguntado pola súa preferencia en sistemas defensivos, o central foi claro: “Non teño problema en xogar con liña de tres ou de catro. O importante é xogar. Estou á disposición do adestrador”.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”