ROLDA DE PRENSA PRESENTACIÓN DE LEO ROMÁN: “Tiña moitas opcións, pero o Dépor era a mellor para min”

O RC Deportivo presentou este mediodía a Leo Román como novo gardameta branquiazul para as próximas cinco tempadas, nun acto celebrado no Dépor Training Center e no que estivo acompañado polo director deportivo deportivista, Fernando Soriano.

O porteiro ibicenco, de 25 anos, chega á Coruña tras converterse nun dos fichaxes máis destacados do verán para o conxunto deportivista a falla da confirmación de Aubameyang, (que se espera que sexa mañán mesmo), asinando contrato ata xuño de 2031.

Antes da súa comparecencia ante os medios, Leo Román posou coa súa nova camisola no céspede do campo Arsenio Iglesias. Xa na sala de prensa, Fernando Soriano destacou a importancia da súa incorporación para reforzar unha posición clave do equipo.

O director deportivo explicou que o novo meta “vén dar competitividade a esa portería” e agradeceulle “a súa predisposición sempre por estar aquí con nós”.

Unha adaptación rápida

 Leo Román asegurou sentirse xa moi integrado no vestiario deportivista e agradeceu a acollida recibida desde a súa chegada.

“A adaptación está sendo moi sinxela. Os compañeiros están poñéndomo fácil, están arroupándome moito e desde o primeiro momento síntome moi cómodo, collendo o ritmo e entendendo o que quere o míster. Estou moi contento de estar aquí”, afirmou.

O gardameta confesou sentirse especialmente agradecido pola confianza depositada nel por parte da entidade coruñesa.

“Estou súper agradecido ao Dépor pola confianza que depositou en min. Espero poder devolvela sobre o terreo de xogo”, sinalou.

Un proxecto que o convenceu

Leo Román revelou que durante este mercado dispuxo de varias alternativas para continuar a súa carreira, pero que a proposta deportivista foi a que máis o convenceu.

“Tiña moitas opcións e buscaba un proxecto sólido, equilibrado e con vistas ao futuro. Creo que o Dépor cumpre todo iso. Esta era a mellor opción para min”, explicou.

O novo gardameta branquiazul tamén quixo agradecer o interese mostrado polos outros clubs que contactaron con el durante o verán, aínda que tiña claro que a súa prioridade era vestir a camisola do Depor.

Competencia de máximo nivel

Sobre a loita pola titularidade, Román deixou claro que chega coa intención de traballar e competir, pero sempre desde o respecto aos seus compañeiros.

“Hai tres bos compañeiros e excelentes profesionais. O que van facer é elevar o nivel da portería. Eu veño aportar o meu gran de area, sumar e competir ao máximo. Despois decidirá o míster”, manifestou.

A pesar das expectativas xeradas arredor da súa fichaxe, o porteiro considera que debe asumir a situación con naturalidade.

“Sinto responsabilidade, pero non máis da que debo. Veño sumar, dar o meu cen por cen e poñer todo o que teño ao servizo do equipo e do club”, indicou.

Confianza no proxecto deportivista

Finalmente, Leo Román mostrouse optimista co rumbo que está tomando a planificación deportiva para a nova campaña.

“Estase facendo un cadro de persoal equilibrado. Quizais aínda queden xogadores por chegar, pero o club está seguindo unha liña que me gusta, combinando futbolistas novos, canteiráns e outros con máis experiencia. É unha boa forma de traballar e oxalá dea resultado”, concluíu.

O novo gardameta deportivista deixou na súa primeira comparecencia unha mensaxe de ilusión, compromiso e confianza nun proxecto que aspira a seguir medrando.

-No vídeo publicado polo RC Deportivo pode verse ao completo a intervención de Leo Román na súa estrea oficial como futbolista branquiazul.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deoprtivo