ROLDA DE PRENSA PRESENTACIÓN DE JOSE GRAGERA E DE FERNANDO SORIANO FALANDO DA ACTUALIDADE DO CLUBE.

Jose Gragera

Por que o Deportivo
«Tras un ano de inactividade necesitaba volver atoparme coa sensación de competir, e que mellor club ca o Deportivo. Está á vista que é histórico, moi grande e é un paso adiante para seguir mellorando».

«Dende o primeiro día que falaron Massimo (Benassi) e o míster comigo deixáronme moi boas palabras sobre o proxecto. O club está medrando e vese claramente. Non o considero un paso atrás, senón un paso máis para seguir mellorando na miña carreira».

Primeiras sensacións
«Precisaba coller ritmo de competición e pouco a pouco fomos cadrando minutaxe e carga de adestramentos. Pouco a pouco vou colléndoo e estou contento para seguir».

«Sorprendeume dende o primeiro día que cheguei a calidade humana e futbolística do grupo. Teño moitas ganas de comezar e que arrinque a competición. Vexo o equipo preparado e xa conto os días para chegar a Granada».

O seu rol no esquema de Hidalgo
«A posición de ‘6’ é na que levo xogando toda a vida. Estou cómodo e gústame achegar ao equipo dende aí: axudar nas tarefas defensivas e ofensivas á hora de iniciar a saída de xogo».

Obxectivo do ascenso
«Creo que o obxectivo que se marca o equipo é estar arriba, loitar polos postos altos da clasificación, pero somos conscientes da complexidade desta categoría. Hai momentos bos e malos, así que haberá que traballar en ambos escenarios. Vexo o equipo preparado para todo tipo de situacións, pero quero seguir aquí con todo o que iso implica».

Fernando Soriano

A cesión de Chacón, sen cláusula de minutos pero con cláusula do ‘medo’
«É un xogador que vén de facer unha tempada incrible en León. Dende o inicio, nas nosas primeiras conversas, tiña claro que o seu primeiro propósito era xogar no Dépor. Tamén tiña claro que quería comezar onde fose rematar. A competencia é moi forte, pero decidimos empezar xuntos e antes do partido contra o Oviedo comunicóuselle que o considerabamos capacitado para loitar por un posto no Deportivo».

«Tiña sitio no cadro, pero tamén a opción de León, onde vai ter a posibilidade de disputar máis minutos. Na última conversa que tiven con el, preguntábame se vía mellor xogar menos minutos no equipo que queres ou ir a un sitio onde estiveches ben e podes xogar máis. A conversa rematou en que era algo moi persoal, unha decisión que el tiña que tomar, e que iamos ir da man co que decidise. Tomouse dous días e pensou que o mellor, para el e para o Dépor, era ir a León para seguir medrando».

«Non ten ningún tipo de cláusula de minutos: o que xogue será porque o gañe el. Non dubidamos da súa capacidade. Teríades que velo adestrar: é incrible a súa actitude, o seu rendemento e o seu comportamento en todo momento. Se non fose así, diría que non conto con el, pero non é o caso. Téñoo moi presente. É certo que ten unha cláusula para que non xogue contra o Deportivo, algo que ten sentido».

Sen dúbidas no club sobre David Mella
«Chegoume que a comezos de tempada houbo quen dubidou de David Mella, pero é incrible o traballo que fai. Son rapaces de 20 anos que cometen erros, igual que os cometo eu e todos. Fai un traballo impresionante: nos adestramentos non para de correr e traballar. Pode que agora mesmo non estea no seu mellor momento, pero non teño ningunha dúbida de que vai ser diferencial e importantísimo. Non sei que decidirá o míster o sábado, pero é unha peza clave para acadar os obxectivos deste club. Só podemos agradecerlle o compromiso que sempre tivo para levar este club ao máis alto».

Na procura dun dianteiro con gol polo que haberá que agardar
«Nunca se traballa cunha soa opción, senón con varias. Para tentar mellorar o cadro sempre miras bastante alto e adoita ser complicado, máis coa competencia que hai nas posicións de diante. Téntase facer o antes posible, oxalá tiveramos o cadro pechado e estivéramos tranquilos, pero iso é difícil no Dépor e en calquera equipo de Primeira ou Segunda División. Tocará agardar un pouco, pero o traballo non para e faremos o antes posible polo noso ben e polo do xogador que veña. Moitas veces, no mercado, a dinámica dos días márcache os tempos».

«Todos buscamos que marque goles, é certo que esa garantía é difícil vela en Segunda División porque estaríamos falando de prezos imposibles. Dentro das características que buscamos agora mesmo, o míster estáme a insistir bastante nalgunhas. Buscamos a mellor opción dentro do orzamento que temos. Tentaremos que teña gol ou, se non o tivo, que o poida ter aquí con nós. O tema de alongar o campo tamén nos preocupa e é algo que temos pendente. A partir de aí, hai unha serie de características nas que ten que cumprir uns mínimos».

Un porteiro chegará ao club nas próximas horas
«Son opcións que barallamos ao longo do mercado. A saída de Helton sabiamos que era unha posibilidade e estabamos xa preparados por se sucedía. Finalmente así foi, e estamos a traballar con varias opcións. Nas próximas horas, nun día ou dous, tentaremos pechar a posición para tela cuberta o antes posible». O final o clube xa confirmou a chegada do austriaco Daniel Bachmann.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”