Rolda de prensa presentación de Jonathan Asp Jensen : “Estou moi feliz de estar aquí e espero dar todo o que teño para axudar ao equipo.”

O RC Deportivo presentou na mañá deste venres ao seu novo futbolista, Jonathan Asp Jensen, nun acto celebrado antes do adestramento no Depor Training Center de Abegondo, no que estivo acompañado polo director deportivo do club, Fernando Soriano. O atacante danés, unha das apostas xoves de club para esta nova tempada en Primeira División, deixou patente a súa ilusión por comezar esta nova etapa e por integrarse canto antes no vestiario deportivista.

Un talento formado en Dinamarca e Alemaña

Jonathan Asp Jensen naceu o 9 de xaneiro de 2006 en Helsingør (Dinamarca). Formouse nas categorías inferiores do FC Helsingør antes de dar o salto ao Bayern de Múnich, onde continuou a súa progresión. A pasada campaña xogou cedido no Grasshopper Club Zürich, da Superliga suíza, asinando unha notable tempada con oito goles e seis asistencias, cifras que chamaron a atención da dirección deportiva do Depor.

Trátase dun futbolista ofensivo, con capacidade para actuar nas dúas bandas, por detrás do dianteiro ou incluso como mediapunta, destacando pola súa mobilidade, técnica e facilidade para aparecer en zonas de remate.

Así o presentou Fernando Soriano, coma “xogador polivalente que pode xogar en calquer das posicións do ataque”.

Xa deixou detalles ante o Compostela

Xa puidemos velo en acción o pasado mércores no amigable fronte á SD Compostela, no que disputou a segunda metade. O danés, xogador espigado de gran envergadura, co seu 1´93, amosou personalidade desde o primeiro balón, partindo maioritariamente desde a banda esquerda, aínda que buscando constantemente os espazos interiores para asociarse cos compañeiros e encarar a portería rival. Mesmo dispuxo dalgunha opción para estrearse como goleador, deixando sensacións moi positivas no seu debut.

Agora, todo apunta a que volverá dispoñer de minutos mañán sábado, no segundo encontro de preparación da pretempada, que medirá ao Depor co Real Oviedo no estadio Carlos Tartiere, a partir das 19:30 horas.

“Estou encantado de estar aquí”

Na súa primeira comparecencia como futbolista branquiazul, Asp Jensen transmitiu confianza e moitas ganas de comezar.

Sobre o que significa esta fichaxe na súa carreira, asegurou que chega coa intención de aportar o máximo.

“Estou moi feliz de estar aquí e espero dar todo o que teño para axudar ao equipo.”

Preguntado pola posición na que máis cómodo se sente, deixou claro que a súa prioridade é adaptarse ás necesidades do técnico.

“Podo actuar en varias posicións e síntome cómodo en todas. Xogarei onde o adestrador considere que podo axudar máis.”

Tamén falou da recomendación que recibiu de Óscar Clemente, con quen coincidiu anteriormente.

“Cando soubo do interese do Deportivo díxome que era unha oportunidade perfecta para min e recomendoume vir.”

Sobre a competencia con Yeremay Hernández, non dubidou en destacar o nivel do extremo canario.

“Yeremay é un futbolista de grandísimo nivel. Para min non é un problema compartir posición con ninguén.”

O novo atacante tamén explicou como están sendo os seus primeiros días na cidade e o esforzo que está facendo para adaptarse canto antes.

“A Coruña pareceume unha cidade moi bonita, teño boas sensacións e a xente recibiume moi ben. Onte tiven a miña primeira clase de español e creo que vou progresando. É importante aprender o idioma para poder integrarme e comunicarme cos compañeiros e co adestrador.”

Coa súa presentación xa completada e os primeiros minutos disputados, Jonathan Asp Jensen a afección xa puido intuír algúns dos recursos futbolísticos dun xogador chamado a aportar desequilibrio e creatividade ao ataque branquiazul, nunha tempada na que o Dépor quere e precisa consolidarse de novo entre a elite do fútbol español. 

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo