Rolda de prensa presentación de Eden Bright: “Cando me chamou o Dépor souben que era o lugar onde quería estar”.

O novo central do Deportivo, Eden Bright, foi presentado oficialmente esta mañá no Depor Training Center de Abegondo, nun acto no que estivo acompañado polo director deportivo, Fernando Soriano, antes de incorporarse ao adestramento matinal co resto dos seus compañeiros.

O defensa polaco amosouse ilusionado coa nova etapa que inicia na Coruña e deixou claro que, malia contar con propostas doutros equipos, nunca tivo demasiadas dúbidas cando apareceu o interese branquiazul.

“Cando me chamou o Dépor souben que era aquí onde quería estar”, asegurou. Bright explicou que o peso da historia do club, o proxecto deportivo que lle presentaron e a oportunidade de medrar no fútbol español foron argumentos decisivos para aceptar a oferta deportivista.

O futbolista asinou un contrato de longa duración, unha circunstancia que interpreta como unha mostra de confianza mutua. “Significa que o club cre en min e que queremos construír algo importante a longo prazo. Esa confianza é compartida e agora toca traballar para corresponder sobre o campo”, destacou.

Un central con personalidade

Á hora de definirse como futbolista, Bright describiuse como un defensa contundente, rápido e con capacidade para sacar o balón xogado desde atrás. Considera que unha das súas principais virtudes é combinar a solidez defensiva coa facilidade para conducir a pelota e romper liñas cando o equipo o necesita.

Outro dos aspectos que máis valorou da súa chegada ao Dépor foi atopar un vestiario novo e con moita proxección. O central considera que o club reúne todas as condicións para seguir evolucionando, tanto a nivel colectivo como individual.

“As instalacións son espectaculares, o ambiente é moi bo e hai moitos xogadores novos cos que crecer. Quero axudar ao equipo a mellorar e tamén seguir evolucionando como futbolista”, sinalou.

Adaptación rápida

Bright tamén falou dos seus primeiros días na Coruña, asegurando que tanto o corpo técnico como os seus novos compañeiros lle facilitaron moito a adaptación.

De feito, xa deu os primeiros pasos para integrarse tamén fóra do terreo de xogo e confesou que iniciou clases de castelán coa intención de poder ofrecer as súas próximas entrevistas no novo idioma dentro duns meses.

No plano deportivo, mostrouse satisfeito coas sensacións deixadas no amigable disputado fronte ao Compostela. Aínda que recoñece que precisa tempo para asimilar todos os conceptos tácticos, asegura sentirse cómodo co equipo e convencido de que irá dando pasos adiante nas próximas semanas.

Soña coa selección… pero o primeiro é Riazor

Bright recoñeceu que segue habitualmente o fútbol español e definiu a Primeira División como unha competición cun enorme nivel técnico, da que espera aprender moito.

En canto aos seus obxectivos persoais, non ocultou que vestir algún día a camiseta da selección absoluta de Polonia é unha das súas grandes metas. Iso si, deixou claro que o seu pensamento está agora centrado exclusivamente no Deportivo.

“O importante é facer bos partidos aquí, en Riazor. Se as cousas saen ben, o demais chegará paso a paso”, concluíu o novo defensa deportivista.

-No vídeo que acompaña esta información pódense escoitar ao completo as declaracións de Eden Bright durante a súa presentación oficial no Depor Training Center de Abegondo.

-Vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”