ROLDA DE PRENSA : “Miguel Loureiro mantén os pés no chan e apela á fortaleza mental antes de visitar “El Sardinero”.

Miguel Loureiro compareceu esta mañá ante os medios con esa serenidade que o caracteriza e coa mesma claridade que amosa sobre o terreo de xogo. O defensa do Deportivo destacou que, malia a última derrota, o equipo non perdeu a perspectiva nin o equilibrio que o vén distinguindo ao longo da tempada. “A semana está a ser moi parecida ás demais. Temos a gran vantaxe de que en ningún momento perdemos a perspectiva. Cando gañas tamén hai cousas mal, e cando perdes tampouco todo é negativo”, apuntou o cercedense, subliñando a importancia da parte mental e a necesidade de sobrepoñerse aos malos resultados nunha categoría “moi esixente”.

O xogador, un dos máis en forma do cadro branquiazul, evitou posicionarse sobre a súa demarcación ideal, amosando unha vez máis a súa dispoñibilidade absoluta para o equipo. “Por min, onde o equipo o necesite. Estou cómodo tanto de central como de lateral. Cada partido é distinto e o míster decide en función do rival”, sinalou Loureiro, que se amosou disposto a seguir sumando dende calquera posición.

De cara ao encontro do domingo en El Sardinero (18.30 horas/17:30 GMT), o defensa avisou do potencial dun Racing “moi perigoso”, con xogadores ofensivos de moito nivel. “Íñigo Vicente e Andrés Martín son futbolistas moi determinantes. Temos que estar concentrados e non deixarlles espazos. Eles detectan moi ben as debilidades dos rivais”, advertiu, á vez que lanzaba unha mensaxe de confianza e ambición: “Somos un equipo forte e imos a Santander con moitas ganas de conseguir os tres puntos”.

Todo un pracer escoitra e oir a Miguel Loureiro, polo que fala, trasmite e ademáis na nosa fala.


Noubi e Mella, de volta co grupo

No apartado de actualidade deportiva, o Deportivo contou na sesión deste xoves coa presenza de Lucas Noubi, que se reincorporou aos adestramentos tras a súa participación coa selección sub-21 de Bélxica. O extremo únese así a David Mella, que xa o fixera onte despois de regresar do Mundial sub-20 coa selección española, tal e como xa adiantamos na súa rolda de prensa do mércores. Ambas reincorporacións reforzan o traballo do equipo nesta recta final de preparación antes da visita a Santander.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”